Sanmartín carga contra o PP por bloquear o pago das facturas: "Do que se trata é de afogar o goberno e págao a veciñanza"
A alcaldesa de Santiago defende que "hai algo que non ten debate, as débedas hai que saldalas"

Sanmartín carga contra o PP por bloquear o pago das facturas: "Do que se trata é de afogar o goberno e págao a veciñanza"

A rexedora compostelá, Goretti Sanmartín, compareceu este venres en rolda de prensa "para transparentar diante da veciñanza" as consecuencias de que o pleno de novembro rexeitase o recoñecemento extraxudicial de crédito -REC- que permitiría o pagamento de 119 facturas. "Que a veciñanza saiba que é o que está detrás disto: afogar o goberno para dar a sensación de que non se sabe xestionar", así explicou Sanmartín o motivo da rolda de prensa.
Na sesión plenaria deste xoves BNG, Compostela Aberta e PSdeG emitiron votos positivos (10), os edís non adscritos abstivéronse (4) e o Partido Popular votou en contra do REC (11), co que o expediente foi rexeitado. "Hai algo que non ten debate", afirmou a alcaldesa, "as débedas hai que pagalas, non se debe facer política con expedientes de pago". Sanmartín afirmou que absterse para facilitar estes pagamentos era até agora a liña xeral na Corporación local pero agora o grupo maioritario da oposición "non respecra esta liña vermella, como tamén fixo coas facturas do transporte", lembrou.
Para Sanmartín, o argumento esgrimido no pleno pola edil popular Rosario Ferreiro de falta de información e negociación -"Necesitan os nosos votos? Chamáronnos?"- , "non se sostén, porque as facturas hai que pagalas, igual que a aprobación das contas xerais é un trámite obrigatorio que hai que cumprir". A alcaldesa recriminoulle ao PP que toda esa información que requiriu xa se dera na comisión informativa -tamén apuntou isto durante o debate-, e asegurou que tiñan todos os datos do expediente.
"O que se quere", afirma Sanmartín sobre o rexeitamento do REC, "é poñerlle atrancos ao goberno pero póñenselle ás empresas". A rexedora explicou que o feito de que non se abonen as facturas levará os titulares das mesmas "a reclamar o pagamento xudicialmente, o que carrexará unha serie de xuros" polo que finalmente eses pagos "realizaranse máis tarde con máis custo para as arcas municipais, é dicir, para a veciñanza".
Así e todo a alcaldesa afirmou que, como xa aconteceu co bloqueo das facturas de transporte, a intención do goberno local é seguir traballando e volver levar ao pleno estas 119 facturas, que supoñen un total de 1,3 millóns de euros.
Facturas do mandato anterior
Alén de denunciar as consecuencias do voto negativo dos populares ao pagamento de facturas, Goretti Sanmartín, tamén puxo o foco en que este posicionamento "non é inocente e afecta ao pago medio a provedores". Un prazo medio de abono de facturas que criticou toda a oposición durante o pleno, destacando que en maio chegou a superar os cen días cando a norma fixa o máximo en 30.
"En 2024 o pago medio a provedores chegou a ser de 119 días, catro veces máis do que marca a norma", dicía o concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños. E tamén aos edís expulsados PSOE e á súa abstención na votación se referiu a alcaldesa para lembrar que as 26 facturas que se deben a Viaqua e que supoñen un total de 992.395 euros "veñen do mandato anterior", en referencia ao executivo de Sánchez Bugallo do que formaban parte o propio Muíños e as non adscritas Mercedes Rosón e Mila Castro.
Sanmartín explicou que o bloqueo do "apremio de cobranza do lixo" estaba parado por mor de discrepancias sobre que entidade debera asumir a xestión destes recibos e foi agora cando se conseguiu desbloquear esta situación. Ao fío disto, a rexedora aproveitou, como xa fixo no pleno o edil de Facenda -Manuel César-, para agradecer o recoñecemento que deste logro fixo a concelleira Marta Abal (PSOE), que deu os "parabéns" ao goberno local por esta xestión.
- Así será el nuevo barrio del norte de Santiago: 6.000 vecinos y bloques de hasta 13 plantas
- El electricista que ilumina Santiago: «Calquera rúa do casco vello con luces de Nadal é máis bonita que unha de Vigo»
- Accidente en Santiago: los bomberos trabajan para liberar a posibles víctimas atrapadas en un coche volcado
- ¿Cuánto costarán los pisos protegidos del nuevo barrio del norte de Santiago?
- El pueblo gallego que se transforma y brilla con luz propia en Navidad: a poco más de una hora de Santiago
- Una cafetería de Santiago se cuela entre las mejores de Europa
- Sanmartín, sobre el cierre del túnel del Hórreo: 'É lamentable utilizar como medida de presión unha molestia á veciñanza
- Un rayo deja inoperativos los semáforos de Santiago y limita los accesos al túnel del Hórreo