Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Aitor Bouza pide o cesemento do xerente do Sergas ante a saturación das urxencias

O líder dos socialistas composteláns e deputado no Parlamento galego asegura no CHUS que á Xunta «non lle preocupa a Sanidade de Galicia»

O secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, ás portas do CHUS

O secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, ás portas do CHUS / CEDIDA

Santiago

O secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, esixiu este sábado «o cesamento inmediato do xerente do Sergas tras unha nova semana de saturación nas urxencias» do CHUS. O deputado socialista no Parlamento de Galicia advertiu que Compostela vive «unha nova semana horríbilis para a sanidade pública, para as urxencias».

Bouza describiu unha escena reiterada de colapso, asegurando que «vimos como se tiña que tratar as persoas nos propios corredores porque non había nin medios humanos nin capacidade para desprazar persoas nas ambulancias». Segundo afirmou, faltan profesionais, e insistiu en que «a situación xa non pode considerarse un episodio puntual».

O deputado socialista relatou que o pasado venres fixo unha proba na aplicación do Sergas para pedir cita en Atención Primaria, «dábannos cita o 16 de decembro. É unha auténtica vergoña». Bouza acusou ao goberno da Xunta de ignorar a magnitude do problema, «non lle preocupa realmente a sanidade de Galicia» porque, de ser así, «en vez de estar enviando cartiñas, estarían preocupadas por corrixir as eivas que ten a sanidade pública».

O líder dos socialistas de Compostela reclamou «responsabilidade política» e afirmou que «para nós, o xerente do Sergas non pode seguir nin un minuto máis no seu posto».

Tracking Pixel Contents