Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Sumrrá Grupo de música

Xacobe Martínez Antelo (Sumrrá): «Agora estamos máis preto da performance que do jazz»

Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e LAR Legido (batería) celebran o seu 25º aniversario como trío

Os tres integrantes  de Sumrrá: Xacobe Martínez Antelo, LAR Legido e Manuel Gutiérrez

Os tres integrantes de Sumrrá: Xacobe Martínez Antelo, LAR Legido e Manuel Gutiérrez / Iván Barreiro

Xabier Sanmartín

Xabier Sanmartín

Santiago

Sumrrá, trío de Santiago formado por Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e LAR Legido (batería) pechou este sábado a súa xira de 25º aniversario no Auditorio de Galicia, , e este domingo volve, unha vez máis á Casa das Crechas (20 horas) con entrevista incluída para o podcast Club de Jazz (ás 19 horas). O contrabaixista conversa con EL CORREO GALLEGO sobre esta data tan especial.

«Como en toda relación, en 25 anos hai moita aprendizaxe. Cada sete anos, a nivel molecular, somos persoas diferentes... E, no meu caso, máis da metade da miña vida, toquei con Sumrrá, onde fixen de todo, actuar ata catro veces en Asia, tocar en África, en Canadá, en outras partes de América, e é imposible quedar cunha soa cousa. Teño que amosar o meu agradecemento, primeiro ao universo, e despois aos meus compañeiros Manuel e LAR, e a toda esa xente que fomos atopando no camiño: programadores, público, locais…», conta Xacobe Martínez Antelo.

O público da noite do sábado escoitou en primicia as novas composicións de Revoluti8n, o oitavo álbum do trío, razón dese xogo de letras e números. «Este novo disco é o que é porque o fixemos no ano do noso 25 cumpreanos e fixemos un xogo revolto coas mesmas pezas de sempre porque somos os mesmos de sempre, pero facémolo cun nivel de intensidade, incógnita e abismo que é o que atrae á xente», engade Martínez Antelo antes de falar do tempo.

«Somos un exemplo de proxecto musical que traballa moitísimo, ese esforzo permítenos facer o que nos pete»

Xacobe Martínez Antelo

— Contrabaixista de Sumrrá

«A escena musical tampoco ten cambiado tanto. Quen necesita facer música faina, a xente que necesita buscar música, gravada ou en vivo, búscaa, quen fai negocio coa música de xeito exemplar, faino, quen fai negocio da música dun xeito especulativo, faino... A industria da música foi sempre da man da tecnoloxía e, despois de 25 anos xuntos, podemos dicir aquilo de que temos visto cousas que non crerías, como din nun diálogo de Blade Runner», conta cun humor pero sen afondar: «É mellor deixalo á imaxinación do lector».

«No ámbito do jazz, hai cousas obxectivas, por exemplo, moita xente quere dedicarse a facer jazz e hai máis referentes que posibilitan iso e, a nivel de preparación, o nivel actual é incrible...»

«No noso caso, somos un grupo que mesmo ten tocado nun festival de música electrónica coma o WOS, ou nun de world music coma o Womex…. Sumrrá somos un exemplo de proxecto musical que traballa moitísimo e, todo ese esforzo, permite que fagamos radicalmente o que nos pete e que o amosemos con dignidade».

«Somos un grupo que ten por referentes os grandes tríos de piano: o de Bill Evans, o de Keith Jarret, o de Brad Mehldau, o de Ahmad Jamal, Nina Simone...», conta quen é parte dun grupo que no concerto de onte tivo un extra.

«Fixemos contadísimas colaboracións na nosa carreira, un par delas con Niño de Elche, outra coa Real Filharmonía de Galicia e outra chamada Sumrrá and Friends e, neste concerto que pecha a celebración do noso 25 aniversario, mirando cara a atrás con nostalxia e con memoria, imos ter unha posta en escena especial coa colabración de Laura Iturralde».

Esa complicidade con esa escenógrafa premiada con varios María Casares, resume o seu actual xeito de sentir a música.

«Chegamos ata aquí dunha maneira natural e orgánica pero, agora mesmo, sinto que estamos máis preto da performance que do jazz. Temos referentes que poden ser paisaxes sonoras e preguntas como: Se a terra ten que ter un latexo, como sería ese latexo?».

Tracking Pixel Contents