Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As estatuas do Pórtico da Gloria volven ao pobo

As obras do Mestre Mateo que os Franco roubaron aos veciños de Compostela «volven á casa», e dende o 11 deste mes poderanse ver no Museo do Pobo Galego. Unha xornada que Goretti Sanmartín e María Rozas coincidiron en describir coma «un día de celebración, de xustiza, de reparación e de vitoria».

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«É un día histórico para Santiago e para Galicia», comezaba así a súa intervención a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, na sala do Museo do Pobo na que dende o 11 de decembro e até o mes de maio o público xeral poderá contemplar as estatuas do Mestre Mateo que orixinariamente formaban parte do Pórtico da Gloria e das que a familia do ditador Franco se «apropiou indebidamente».

Sanmartín relatou que ela mesma, acompañada como tamén estaba na tarde do luns no museo, se achegou ao Pazo de Meirás para recoller as esculturas, xunto coa primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e a presidenta do Padroado do museo, Concha Losada.

«O Concello de Santiago consegue, por primeira vez, a través dunha sentenza xudicial que os Franco teñan que devolver os bens incautados», celebrou a rexedora que quixo destacar que esta restitución «ten unha forza, unha enerxía e unha trascendencia que é simbólica e vai moito máis alá da devolución en si», porque estas dúas obras de Mateo: «Nunca deberon saír do Pórtico da Gloria».

«Victoria moral, xustiza»

Sanmartín e Rozas falaron de «xustiza» e a alcaldesa verbalizou o desexo do equipo de goberno de que este feito «sexa un camiño aberto para que outros bens apropiados indebidamente pola familia Franco poidan ser restituídos á veciñanza propietaria». Neste punto Sanmartín citou o propio Pazo de Meirás –onde até o luns permanecían as estatuas do Mestre Mateo-, mais tamén «a Casa Cornide –da Coruña– ou as pilas bautismais de Moraime –Muxía–, que os Franco utilizaban como maceteiros».

«As esculturas do Mestre Mateo nunca deberon saír do Pórtico da Gloria»

Goretti Sanmartín

— Alcaldesa de Santiago

«É un día feliz para Compostela e para a democracia», insistía a concelleira María Rozas, que aproveitaba tamén para lembrar que só «hai uns días, cumpríanse 50 anos da morte de Franco, pero todos sabemos, lamentablemente, que os vestixios do franquismo continúan nas rúas, nos monumentos e mesmo nas institucións». Para a edil de Compostela Aberta, «estas esculturas son unha boa mostra de como a familia Franco continúa patrimonializando os bens públicos, apropiándose do que é de todas».

María Rozas describiu o fito que este luns se celebraba no Museo do Pobo como «unha vitoria», desexando que «sexa a primeira de moitas, porque queda moito camiño por andar, quedan moitas cousas que conseguir para que por fin, a familia Franco devolva ao pobo o que é do pobo».

A edil celebrou tamén que, unha vez no Museo do Pobo, volve aos composteláns o seu patrimonio, «non se trata só de dúas esculturas», quixo matizar María Rozas, «trátase dunha victoria moral, dunha cuestión de xustiza».

«A democracia tivo que gañar nos tribunais»

«A democracia tivo que gañar nos tribunais o que a ditadura roubou», afirmou rotunda a concelleira María Rozas para, deseguido e como tamén fixera na súa intervención a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recordar que todo este proceso se iniciou en 2017, durante o goberno local de Compostela Aberta, do que fixo parte.

"Queda moito camiño por andar, quedan moitas cousas que conseguir para que por fin, a familia Franco devolva ao pobo o que é do pobo"

María Rozas

— Primeira tenente de alcaldesa de Santiago

«Síntome moi orgullosa, é inevitable para min lembrar a Martiño Noriegaex alcalde de Santiago–, a Quin Monteagudo –asesor xurídico de Noriega–, a Ricardo Gurriarán –historiador–, cos que vivín moi de preto o inmenso traballo que realizaron para que hoxe esteamos aquí», lembrou a primeira tenenta de alcaldesa.

Rozas non eludiu tampouco lembrar a frustración que supuxo o primeiro xuízo, na Audiencia Nacional (Madrid). «Aquel primeiro xuízo, que vivimos con preocupación. As esculturas volveron á casa grazas a esas persoas e a moitas outras que realizaron un importante papel», recoñeceu, en relación ao traballo de historiadores e xuristas.

Tracking Pixel Contents