Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cátedra Rosalía de Castro: especialistas darán novas pistas sobre a vida da escritora

A Facultade de Filoloxía acollerá o 11 de decembro unha xornada na que se darán a coñecer avances de estudos bibliográficos

Rosalía por Cardarelly. Santiago de Compostela na década dos 60 do século XIX.

Rosalía por Cardarelly. Santiago de Compostela na década dos 60 do século XIX. / Colección da RAG

L.R.

Santiago

Seguir ampliando o coñecemento sobre a vida e o contexto cultural de Rosalía de Castro. É o obxectivo dunha xornada da Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago baixo o título de 'Avances na biografía de Rosalía de Castro’, que se desenvolverá o xoves 11 de decembro na Facultade de Filoloxía. A iniciativa reunirá especialistas de referencia no campo dos estudos rosalianos para compartir novas perspectivas biográficas, algunhas delas inéditas.

A xornada será inaugurada ás 9.30 horas polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, e polo decano do centro, Elias J. Feijó Torres, acompañados polas persoas responsables da coordinación da Cátedra, Fernando Cabo Aseguinolaza e María do Cebreiro Rábade.

Varios relatorios sobre a figura de Rosalía

O primeiro eixo da xornada estará dedicado aos avances nos estudos biográficos. As intervencións achegarán información relevante sobre cuestións pouco exploradas da vida de Rosalía en Madrid, o seu papel como anfitrioa literaria. Na sesión da mañá Luis Miguel Fernández abrirá o panel co relatorio Rosalía e os Lugín Castro en Madrid. 1856-1858, no que presentará novos datos sobre unha etapa fundamental da vida da escritora. Por outra banda, Xurxo Martínez afondará na historia do mausoleo de Rosalía e Miguel Anxo Seixas analizará o perfil da autora como anfitrioa nunha presentación que incluirá algunha curiosidade sobre receitarios de época.

A sesión de tarde, que comezará ás 16.00 horas, estará integramente dedicada ao Arquivo rosaliano de María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, custodiado pola Biblioteca da USC tras a doazón formalizada en 2024 por Xesús Alonso Montero, viúvo da investigadora. Este fondo, composto por preto de 500 volumes, cadernos de investigación, materiais inéditos e documentos transcendentais para descifrar a historia vital de Rosalía constitúe un dos recursos documentais máis relevantes para a investigación rosaliana das últimas décadas.

O profesor Xesús Alonso Montero, presentado pola profesora Dolores Vilavedra, ofrecerá a conferencia Informe bibliográfico sobre o Arquivo rosaliano de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda’, na que achegará valiosas orientacións e claves de lectura para futuros estudos baseados neste legado.

Esta xornada insírese na liña de traballo iniciada o pasado mes de abril co primeiro simposio Vida, biografías, bioficcións de Rosalía de Castro. A Cátedra mantén o compromiso de desenvolver de maneira bianual temas estratéxicos arredor da figura e da obra de Rosalía, prioritariamente aqueles relacionados coa súa biografía e cos avances documentais recentes.

Tracking Pixel Contents