Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

A feira de emprego de Santiago pon o foco na IA e na Xeración Z

O Talentia Summit abre comeza o 4 de decembro, cun foro dedicado a analizar o impacto destes elementos nas empresas

Unha conferencia da pasada edición do Talentia Summit, en Santiago

Unha conferencia da pasada edición do Talentia Summit, en Santiago / Cedida

Santiago

Compostela encara unha nova edición do Talentia Summit a partir do 4 de decembro. O evento, dedicado ao mundo laboral e formativo, comezará o próximo xoves cun foro no Palacio de Congresos ás 18.00 horas no que se abordarán os cambios que a Intelixencia Artificial e a Xeración Z están a introducir nas empresas, nos modelos de traballo e nos perfís profesionais.

Un dos nomes protagonistas do evento será o da pianista Isabel Dobarro, que despois de gañar un Grammy Latino, ofrecerá unha conferencia, ademais de actuar en directo durante o evento. Xunto a ela, polo Foro Talentia pasarán Sebastián Brandt, director executivo de Odoo España; María Soto, experta en innovación tecnolóxica e en IA da empresa Bravent; e Lara Neira, CEO e confundadora da startup Nigal. Tamén está confirmada a participación de Sergio Lucas, CEO e fundador de Leeters; a arquitecta Sofía Blanco, cofundadora do estudo Barboza Blanco Office; e dous expertos en talento dixital do grupo Go Talents: Saúl Campos e Anadía Delgado.

Feira de emprego

A semana seguinte, entre os días 9 e 11, terá lugar a Feira Talentia en modalidade virtual. Contará cun amplo catálogo de actividades, como cursos de formación, certificacións oficiais en competencias dixitais e idiomas ou obradoiros para mellorar a marca persoal. Ademais, ofreceráse a posibilidade de axendar citas cos responsables de selección de persoal de diferentes empresas participantes, e tamén de enviar o curriculum a centos de procesos de selección abertos por esas empresas.

Segundo destacou a concelleira de Emprego, María Rozas, na pasada edición «a feira de talento e emprego superou todas as expectativas con máis de 60.000 usuarios e usuarias, máis de 1.100 entrevistas de traballo, e case 2.500 curriculums intermediados». Este ano, explicou, «aspiramos a manter esas cifras, cun programa que volve facer unha gran aposta pola formación».

Inscrición nas actividades

A entrada para o foro é de balde con inscrición previa en talentiasummit.com. Para a feira, abriranse as solicitudes nos próximos días. As persoas interesadas poderanse apuntar nun máximo de catro cursos. Para as entrevistas con empresas e as mentorías non haberá límite de inscricións.

Tracking Pixel Contents