Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi cede á Fundación Andrea unha parcela na Praza da Mercé de Conxo

Acollerá un edificio para aloxamento de familiares de cativos hospitalizados de longa duración

A xunta de goberno aproba tamén a renovación da fachada do CSC de Vite

Centro sociocultural José Saramago, no barrio de Vite

Centro sociocultural José Saramago, no barrio de Vite / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

A xunta de goberno local extraordinaria do pasado xoves acordou, segundo explicaba este luns o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, cederlle á Fundación Andrea unha parcela situada na Praza da Mercé de Conxo. Trátase dun soar de 627 metros cadrados e 3.000 edificables que se vai destinar á construción dun edificio para La Casita de Andrea, que ofrecerá aloxamento, «acompañamento e apoio» aos familiares de cativos con enfermedidades graves e con hospitalizacións de longa duración.

O novo edificio ofrecerá tamén actividades lúdicas, de respiro familiar e de contacto social entre os menores beneficiarios da entidade e as súas familias, así como a sede da propia fundación. Trátase dunha concesión demanial –a Administración local cede o uso da parcela, non a titularidade– que se prolongará durante 30 anos. Con este apoio, explicou o edil de Urbanismo, «o Concello reafirma o seu compromiso coas entidades do terceiro sector e o seu apoio a iniciativas como as da Fundación Andrea, que melloran a calidade de vida das persoas».

Obras no CSC José Saramago

A xunta de goberno ordinaria, que tivo lugar este luns, aprobou tamén unha partida de algo máis de 300.000 euros para a rehabilitación das fachadas do Centro Sociocultural José Saramago de Vite e a apertura dunha nova saída de emerxencia. Unhas obras que anunciou o concelleiro de Centros socioculturais, Xan Duro, e que terán un prazo de execución de tres meses.

«As obras teñen como obxectivo solventar as patoloxías detectadas no chapado de granito que conforma o remate actual da fachada do centro sociocultural, que será substituído por un sistema de illamento térmico polo exterior (SATE)», explicou Duro.

Raxoi pretende así resolver tamén problemas de filtracións e humidades por condensación que presenta a fachada e mellorar a eficiencia enerxética do edificio. Ademais, acondicionarase unha nova saída de emerxencia nesa planta, aproveitando as obras de substitución do cerramento da fachada.

Luz verde ás obras de accesibilidade en edificios sen ascensor en varios barrios da cidade

Na xunta de goberno local deste luns, o Concello de Santiago aprobou a contratación dun servizo de «redacción de proxectos básicos e de execución para mellorar a accesibilidade dos edificios das comunidades de propietarios beneficiarias da convocatoria da primeira fase de subvencións destinadas a vivendas de barrios desfavorecidos».

Desta maneira, inmobles de barrios coma o de Vite poderán por fin contar con ascensores. Trátase de oito edificios en total e o prazo de execución é de dous meses dende a sinatura do contrato, cuxa contía ascende a 57.354 euros (IVE incluído).

O concurso, que se resolverá por procedemento aberto simplificado, divídese do seguinte modo: lote 1: vivendas nosa Señora de Belén (Ulpiano Villanueva, 3 e Domingo de Andrade, 9), cun orzamento base de 13.714 euros; lote 2: Avenida de Castelao, 3 con orzamento base de 8.105 euros;lote 3: Praza de Ultreia (3, 4 e 8) e Avenida de Salamanca (28), cun orzamento base de 27.428 euros, e o lote 4, que inclúe o inmoble da Avenida de Salamanca, número 14, e conta cun orzamento base de licitación de 8.105 euros.

A veciñanza maior desta zona solicitou en varias ocasións a axilización destas melloras, pois as persoas con dificultades de mobilidade víanse imposibilitadas de saír á rúa debido á falta de elevadores.

Tracking Pixel Contents