Entrevista | Leti da Taberna Creadora de contido nas redes sociais
Leti da Taberna: «Son nena de aldea, a cidade non é para min»
Leticia Miraz é veciña da parroquia de Marantes (San Vicente) dende hai cinco anos, o mesmo tempo no que comezou a subir contidos a redes sociais. A día de hoxe acumula milleiros de seguidores dos seus vídeos e vén de estrear a comezos de novembro o seu segundo monólogo teatral, ‘Jastac Japi Jolidais’.

Jesús Prieto

O pasado 8 de novembro, o Auditorio da Illa de Arousa acollía a estrea mundial de Jastac Japi Jolidais, o segundo monólogo teatral da creadora de contido para redes sociais Leticia Miraz, máis coñecida como Leti da Taberna. Unha luguesa que acumula milleiros de seguidores en Instagram e TikTok e que dende 2020 é veciña de Santiago, habitante do rural Compostela. Dende a parroquia de Marantes crea vídeos divertidos e cargados de conciencia social. Sobre o seu traballo nas redes e nos teatros, e a súa vida na aldea, conversa con EL CORREO GALLEGO dende o adro da igrexa de San Vicente.
De onde vén Leti da Taberna e como chega a Marantes?
Crieime cunha perna en Guitiriz e con outra en Teixeiro e cheguei a Marantes dunha maneira casual, todo o que me pasa na vida é moi casual. Estiven catro anos nas Rías Baixas, despois dez anos vivindo en Brión e estaba moi contenta alí pero vivía nun piso e eu quería unha casa a toda costa, e quería que fose da área de Santiago, porque me gusta moito a cidade de Compostela. E xusto na pandemia, cando o confinamento se comezaba a abrir un pouco, atopamos unha casiña en Marantes. Tivemos moi boa acollida dos veciños, é un sitio moi tranquilo, de paz, eu son nena de aldea e quero vivir na aldea, a cidade non é para min. Tes preto a cidade, grandes servizos a 10 minutos pero a tranquilidade da aldea.

Leti da Taberna conversou en Marantes con EL CORREO GALLEGO / Jesús Prieto
Fala de servizos, pero o rural de Santiago carece de certas cuestións básicas, coma o abastecemento ou o saneamento. Pros e contras de vivir no rural.
Un dos ‘contras’ é que precisas do coche, aínda que temos bastante boa comunicación por bus, pero si que o necesitas. Non temos auga da traída, témola do pozo, non temos beirarrúas e estamos en pleno Camiño de Santiago, tamén están os peregrinos, que nos acompañan cos seus bastóns. Os ‘pros’ ademais da colaboración que hai entre os veciños, a paz... Aquí hai bastantes nenos e os martes móntase no centro sociocultural unha especie de ludoteca que está moi ben porque vives aquilo que acontecía nas unitarias.
Comezou a crear contidos nas redes sociais hai tamén cinco anos. Acumula un bo número de seguidores e tamén fai campañas para o comercio de Melide ou para o Nadal de Compostela, como chegou até aquí?
Fixen uns tiktoks por pasar o tempo, por probar, e un deles funcionou moito, ata o punto de que de repente empezas a ver a túa cara compartida nos perfis da túa xente coñecida e foi como «Ui, pero que estou facendo?». Empecei utilizando voces doutra persoa, Lip Sync, e despois dinme conta de que non había ninguén que o fixera aquí. E digo eu: «Podo facer as miñas grazas», e empecei a facelo e vin que funcionaba. Comecei queixándome dos peches perimetrais e acabou medrando a comunidade, empezou a viralizarse contido. En canto a como cheguei ata aquí creo que a cousa está na constancia.
Acaba de estrear na Illa de Arousa Jastac Japi Jolidais... Como deu o salto das redes aos teatros?
Pois unha vez máis, moi casualmente, por alguén que me seguía e levaba normalización lingüística na zona de Ferrolterra. Propúxome facer monólogos, só fixera dous ou tres cando estudaba pero díxenlle toda chea que si. Foron dous bólos que desfrutei moitísimo, funcionaron moi ben e entroume o bicho. Agora colaboro con Culturactiva, ao pouco de chegar a Marantes fixéronme unha proba, unha actuación aquí en Santiago, nun centro de discapacidade psíquica, no Sarela, e supereina, funcionou o bolo e decidiron apostar por min. Agora levo 70 funciónscon Enredada, que segue xirando e quixen presentar o segundo, Jastac Japi Jolidais, porque estou afeita a ese ritmo de redes de producir moito. Eu crieime nunha taberna, e iso é algo que inflúe na miña forma de ser e de traballar. Non son o mesmo as escénicas que a rede, pero son consciente de que teño un escaparate moi bo, que ao mesmo tempo me facía sentir un pouco intrusa neste mundo das artes escénicas, hai xente que leva moito tempo facendo comedia... Pero funme labrando tamén nos escenarios.
«Crieime nunha taberna, e iso é algo que inflúe na miña forma de ser e de traballar»
E hai diferencia na resposta do público nun teatro e dos seguidores nas redes?
A resposta sempre é positiva, maioritariamente, pero a do teatro é unha enerxía moi especial que se crea, directa, acción-reacción. Na rede non todo se recibe como ti pensas e no teatro créase unha atmosfera moi especial, a risa é contaxiosa. Os sitios pechados son máis agradecidos que os abertos.
Os vídeos e os monólogos son divertidos pero tamén con conciencia social: lingua, feminismo, lonxe da ditadura da imaxe...
Cando empecei nas redes, o do galego supuxen que ía ser un carácter diferenciador e creo que así é. Ás veces poñémonos nós máis atrancos dos que hai. Si é certo que os poucos comentarios negativos que podo ter son por ser unha muller que fala galego e enriba berra moito pero creo que tamén se non tivera a mensaxe que teño non sería tan molesto, do que me alegro, porque se molesta e que hai que mover conciencias. Ás veces tamén tratan de aconsellarnos de como chegar a un público máis amplo, pero aínda que aquí sexamos menos temos moito que dicir, e para min facelo en galego é a cousa máis natural do mundo. Tamén sempre trato de achegar un pouco de optimismo, ás veces podo simplemente contar unha anécdota pero a xente séntese moi identificada. Por exemplo no vídeo do xinecólogo, todas nos sentimos igual de ridiculizadas e absurdas e incómodas nesa situación, e supoño que verbalizo o que todas pensamos. Noutros vídeos intento un contido máis político, que nos leve á reflexión.
Cando ten data Leti da Taberna en Santiago?
O 20 de decembro estarei no centro sociocultural de Grixoa, creo que é a primeira vez que vou facer Enredada completo aquí no Concello. Estou moi contenta, porque din que ninguén é profeta na súa terra, esta non é a miña terra de nacemento que é de adopción pero tiña moita gana de facelo aquí preto da casa.
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos