Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Foro Talentia

Sanmartín convida a mocidade a «arriscar» para poder innovar

A alcaldesa inaugurou o Foro Talentia, que nesta edición pon o foco na IA e na Xeración Z. Entre os días 9 e 11 celebrarase a feira de emprego

Rrepresentantes institucionais e conferenciantes, onte no Foro Talentia, en Santiago

Rrepresentantes institucionais e conferenciantes, onte no Foro Talentia, en Santiago / Cedida

Manu López

Manu López

Santiago

Expertos en intelixencia artificial, talento dixital e novas tecnoloxías xuntáronse onte no Palacio de Congresos, nunha nova edición do Foro Talentia centrada na IA e a Xeración Z. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Promoción Económica, María Rozas, foron as encargadas de abrir o evento, no que tamén participou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Na súa intervención, a alcaldesa dirixiuse especialmente á mocidade, á que convidou a «arriscar, a probar, a equivocarse e a aprender, porque só así descubrimos o que somos capaces de facer, só así transformamos as ideas en proxectos reais, e só así construimos unha cidade e un país máis innovadores». Sanmartín indicou que o Foro Talentia «pretende animar a buscar retos e espazos nos que están escondidas as ideas brillantes, sabendo que ás veces chegan fracasos pero que iso non pode levar á frustración».

Unha mocidade «forte, valente e emprendedora»

Pola súa parte, María Rozas, explicou que o obxectivo do Talentia «é analizar a nova realidade do mercado de traballo marcada pola intelixencia artificial, e facelo cunha mirada optimista, desde o convencemento de que a IA non ten por que eliminar postos de traballo senón que debe ser unha ferramenta de transformación en positivo». A tenenta de alcaldesa tamén salientou que o evento de «quere poñer en valor á Xeración Z, que é unha mocidade forte, valente e emprendedora, que o que reclama é un equilibrio saudable entre a súa vida persoal e profesional».

No seu discurso, Pedro Blanco reivindicou «o compromiso firme» do Goberno de Pedro Sánchez coa empregabilidade da mocidade, asegurando que España está a construír un país no que os mozos e mozas «teñan oportunidades reais, emprego digno, estabilidade e capacidade de emanciparse». Blanco Tamén destacou tamén o impacto do Kit Dixital, que «xa está permitindo que pemes, comercios e profesionais autónomos incorporen tecnoloxía, innoven e compitan nun mundo cada vez máis esixente».

O evento contou cunha conferencia e unha actuación en directo da pianista compostelá Isabel Dobarro, recentemente galardonada cun Grammy Latino. Tamén ofreceron charlas expertos, líderes empresariais, perfís emerxentes e moi diversos do ecosistema tecnolóxico e creativo.

Feira Talentia

Tras o Foro Talentia, celebrarase do 9 ao 11 de decembro a feira de emprego cun amplo catálogo de actividades, como cursos de formación, certificacións oficiais en competencias dixitais e idiomas ou obradoiros para mellorar a marca persoal. Haberá a posibilidade de axendar citas cos responsables de selección de personal de diferentes empresas participantes, e tamén de enviar o curriculum a centos de procesos de selección abertos por esas empresas.

Tracking Pixel Contents