Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Balance positivo da actividade na Casa Xohana Torres de Santiago

A alcaldesa destaca a posta en marcha do servizo de asesoramento LGTBIQ+

A alcaldesa de Santiago presidiu o Consello Municipal de Igualdade.

A alcaldesa de Santiago presidiu o Consello Municipal de Igualdade. / Cedida

Koro Martínez

Koro Martínez

Santiago

Consolidada como un dos centros de referencia polo dinamismo da súa programación, entre as novas iniciativas da Casa Xohana Torres destaca o servizo de asesoramento LGBTIQ+. Un servizo que, segundo explicou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, conta cun programa mensual estable, cunha media de cinco actividades mensuais, incluíndo desde obradoiros práctivos e formativos a conversas maxistrais.

Unha programación que acadou un elevado interese, en especial as iniciativas de saúde sexual, cunha excelente valoración dos obradoiros de creación con perspectiva de xénero. O espazo foi cedido ata en 41 ocasións para uso persoal de entidades e grupos.

Atención psicolóxica e asesoramente xurídico

Entre maio e outubro, na Casa Xohana Torres recibíronse 62 consultas, formalizáronse 38 solicitudes de uso do espazo, fixéronse 21 actividades abertas ao público, desenvolvéronse 20 de carácter interno e mantivéronse 1.959 comunicacións (entre chamadas, email ou mensaxería). Ademais, destacaa incorporación do servizo de asesoramento LGBTIQ+, que inclúe atención psicolóxica e asesoramento xurídico e que tivo demanda desde o mes de xuño. 

Adicionalmente, como parte do obxectivo do servizo, está o de analizar a realidade social e contribuír á produción de coñecemento feminista, para o que se está levando a cabo unha investigación sobre percepcións sobre violencias machistas e relacións afectivas entre a mocidade. Para este obxectivo diseñouse un cuestionario que foi remitido aos centros educativos (institutos e centros integrados de FP) da cidade.

En canto ao Centro de Información ás Mulleres (CIM), entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2025, o centro atendeu 202 mulleres. Neste sentido, Goretti Sanmartín lembrou que este ano viu marcado pola implantación avanzada do Sistema VioXen2, que mellora a coordinación interinstitucional, a integración de datos en tempo real e a valoración do risco, o que está a permitir unha resposta más rápida, eficaz e integral ás mulleres e ás crianzas en situación de violencia de xénero. 

Campañas de concienciación e visibilización

Ao longo do ano, desenvolvéronse distintas campañas de concienciación e visibilización en favor da igualdade. Con motivo do 8M, levouse a cabo a campaña Construamos o termo feminista de Compostela e tivo, como principais actos, a homenaxe ás Mulleres de Compostela 2025, a lectura do manifesto institucional e a entrega do Premio Xohana Torres 2024. Ademais, fíxose unha edición dunha revista e distribuíronse materias gráficos do 8M.

Durante as festas da Ascensión e do Apóstolo instaláronse Puntos Lila na Alameda e en zonas de ocio nocturno co obxectivo de dar información e facer un labor e prevención ante as violencias sexuais; ofrecer acompañamento inmediato e seguro ante posibles situacións de risco; e realizar difusión de recursos municipais e sensibilización en Santiago sobre violencias normalizadas. A valoración foi moi alta e constatouse a utilidade destes dispositivos. 

Compostela Diversa

Desde finais de maio e todo xuño, Compostela mantívose como referente na defensa dos dereitos LGTBI. Na campaña de difusión e visualización da realidade LGTBI Compostela Diversa participaron preto de 200 establecementos comerciais, hoteleiros e hostaleiros do Concello. Esta iniciativa, que naceu en 2018, reafirma o compromiso municipal cunha Compostela diversa, segura e respectuosa coa liberdade afectiva e seuxal. 

O Concello tamén promoveu a instalación dunha carpa informativa na Praza do Toural con materiais de sensibilización da campaña polo Día Europeo contra a Trata de Persoas Toma nota, se calas tamén tratas. Ademais, programouse a representación teatral de ‘Atrapadas’, na que se visibiliza as vivencias de mulleres refuxiadas vítimas de violencia e explotación. 

Novas formas de violencia e control

E finalmente, a campaña do Concello de Santiago polo 25N, que este ano puxo o foco na violencia no eido dixital e se dirixiu de forma especial á xente moza. A campaña desenvolveuse baixo o lema Non é un trend, é violencia dixital, tendo en conta factores coma que, no ámbito dixital xorden novas formas de violencia e control, como a difusión de imaxes íntimas sen consentimento (sexpreading), o acoso reiterado (stalkeo), a humillación pública (sexhumillación), ou o uso de expresións aparentemente inofensivas pero cargadas de misoxinia, como “4 letras” ou “muller do km 0”.

Tracking Pixel Contents