Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Corenta anos co cuño da Unesco

O Pazo de Raxoi engalanouse para conmemorar os 40 anos da declaración de Santiago Patrimonio Mundial pola Unesco. Un fito que revitalizou e rehabilitou a capital galega e que catro décadas despois conseguiu reunir cinco alcaldes da cidade: Estévez, Bugallo, Hernández, Noriega e Sanmartín.

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O 5 de decembro de 1985, en París, a Unesco declaraba Compostela Cidade Patrimonio Mundial. «O auditorio púxose en pé, non houbo discusión, e aplaudiron a nosa cidade. Falar en París de Santiago é falar do corazón de Europa». Pronunciaba estas palabras, no Pazo de Raxoi, na conmemoración do 40 aniversario deste nomeamento o daquela alcalde da capital galega, o socialista Xerardo Estévez, que tivo papel principal na celebración, só superado polo protagonismo da cidade patrimonial.

Estévez fixo un percorrido polos avances de Santiago logo da obtención deste recoñecemento. O impulso revitalizador da declaración da Unesco foi máis alá de situar a cidade como centro fundamental do turismo mundial, tamén da man do Xacobeo 93, e recuperou a zona vella, a súa arquitectura e o espazo público grazas á creación de institucións coma o Consorcio, que segue a ser instrumento fundamental na rehabilitación dos inmobles da améndoa.

«As cidades históricas son filosofía expresada nas pedras e nas persoas e hai que sabelas ler», dicía Estévez en referencia a que unha vez obtida a declaración de Cidade Patrimonio había que pensar, como tamén dixo na súa intervención a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, «a cidade que queremos ser» e que agora debe ser sostible e habitable, cunha zona vella viva para a que Estévez advertiu, «se todo é negocio, adeus á vida na cidade histórica».

«Hai que poñer ao día o Plan especial, non podemos seguir con modificacións puntuais»

Xerado Estévez

— Ex alcalde de Santiago

«O patrimonio compétenos a cada un de nós, co compromiso dun comportamento ético con el. Pero non se pode vivir de rendas do pasado», asegurou o ex rexedor, que instou os presentes a «pensar profundamente a cidade».

‘Compostela, con tempo’

«Compostela con tempo, Santiago con todo», a alcaldesa botou man do lema de promoción turística do seu goberno, para pedir tempo, para pensar esa cidade do futuro, marcando dende o inicio que «hai unha maneira diferente» de camiñar Compostela, non só a améndoa. «Avanzamos moito», declarou botando a vista a estas catro décadas, «mais temos que continuar protexendo a autenticidade de Santiago, preservando o tecido social e comercial que lle dá identidade, buscando ese equilibrio entre turismo e vida cotiá, loitando contra a emerxencia climática, mellorando a habitabilidade».

Por todos os desafíos que ten por diante esta Cidade Patrimonio, Sanmartín quixo deixar claro que «para continuarmos o camiño o que precisamos é tempo, tempo necesario para reflexionar e buscar consenso para continuar a colaboración interinstitucional».

Unha colaboración á que tamén se referiu Estévez, mais non só co goberno central e coa Xunta, tamén coa Universidade, «para lograr a diversificación económica» da cidade, e tamén de cara ao Xacobeo 2027, porque «ou se comparte entre as administracións ou non sairá ben, Compostela meréceo».

«Para continuarmos o camiño precisamos tempo, para reflexionar e buscar consenso»

Goretti Sanmartín

— Alcaldesa de Compostela

O problema da vivenda

O ex alcalde de Compostela fixo mención no seu discurso ao problema da vivenda, reivindicou axudas á rehabilitación «a fondo perdido» pero tamén sacar ao mercado esas vivendas «cun determinado prezo». «Sobra cobiza», dixo Estévez, e para combatela «hai que poñer ao día o Plan especial da cidade histórica, non podemos seguir con múltiples e sucesivas modificacións puntuais». «Falta vivenda? Outro Fontiñas», afirmou quen foi artífice dese polígono residencial.

No Salón Vermello, co ex alcalde Estévez e coa alcaldesa Sanmartín déronse cita outros tres políticos que levaron as rendas da cidade nestes corenta anos: Xosé Sánchez Bugallo, Martiño Noriega e Agustín Hernández. Xunto a eles o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; os directores xerais de Patrimonio e Cultura, Ángel Miramontes e Anxo M. Lorenzo; o presidente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez; a vicerreitora de Cultura da USC, Pilar Murias; e o arcebispo de Santiago, Francisco Prieto.

Tracking Pixel Contents