Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Compostela de 1975: cicatrices e resistencias antes da morte de Franco

Percorrido dun ano de desafíos no que Santiago se debate entre o control tenso, a batalla cultural, as mobilizacións na USC e os problemas urbanísticos mentres se aproxima o final da ditadura.

Edificio Castromil

Edificio Castromil / Museo do Pobo Galego

Marga Tojo

O proxecto Compostela en Conflito achega unha nova investigación divulgativa que os días 17 e 18 se converterá en roteiro co apoio de Cultura da Deputación da Coruña. Está formado por Xosé Antón SerénVerónica Ramilo, a cooperativa Maos Innovación Social e quen escribe estas liñas. Este é un percorrido cronolóxico pola vida da cidadanía compostelá no ano que morre Franco.

Inverno

Un mércores festivo dun inverno de temperaturas suaves comeza 1975 en Santiago de Compostela. O desarrollismo franquista fai augas, no medio dunha elevada inestabilidade económica, en plena explosión do turismo. O descontento social, cada vez máis expresivo e ávido de liberdade, impulsa a mobilización social dos últimos anos de ditadura, dentro das loitas políticas do ciclo do 68, cuxo estoupido acontece en Compostela uns meses antes que en París, ligadas ao estudantado universitario, unha das primeiras respostas colectivas á represión. Faltan once meses para que morra Franco. Quizais moi pronto todo vaia mudar; mais, para comprender este período e as persoas que viviron nel, as súas motivacións, os seus temores e anhelos, convén recuperar a contextualización ofrecida polo Grupo Hispona da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acerca dun tempo no que o concepto cidadanía non existe: «Cando prender alguén e mesmo acabar coa súa vida por pensar de distinto xeito era posíbel. Agora sabemos que a morte de Franco comezou a ser o final da ditadura: os que se atopaban alí non o tiñan tan claro».

O ano comeza cun clima de contención e expectativa. A ditadura permanece, pero o seu aparello mostra fisuras. En xaneiro entra en vigor a nova normativa de espectáculos públicos, o Reglamento General de Policía de Espectáculos Públicos, que substitúe o de 1935. Achega a primeira definición oficial de discoteca, fixa horarios e prohibe a entrada a menores de 16. Esta orde, presentada como técnica, afecta de maneira directa á vida cultural, nun momento no que a cidade amplía a rede de locais musicais.

A cultura ocupa un lugar central nas transformacións de Compostela. Couceiro abre en febreiro no Ensanche, no número 9 da rúa República do Salvador, como libraría e tenda de discos. Por alí transitan artistas e xornalistas populares: José Luis Perales, María Kosty, Pepe Domingo Castaño... Ana Kiro asina discos. Na noite compostelá fórmanse outros espazos de apertura. No Ensanche, o Johakin ou o Pop Pool introducen novas formas de lecer. O Modus Vivendi, inaugurado en 1972, dinamiza a vida cultural na zona vella. En 1973 nace O Galo D’Ouro, que funciona en sintonía co calendario universitario. Esta xeografía nocturna, aínda en consolidación, combina modernización cultural e vixilancia policial.

Ana Kiro, Xesús Couceiro e María Kosty o 10 de decembro na libraría Couceiro da Rep. do Salvador número 9 durante unha sinatura de discos

Ana Kiro, Xesús Couceiro e María Kosty o 10 de decembro na libraría Couceiro da Rep. do Salvador número 9 durante unha sinatura de discos / Couceiro

O Pavillón do Sar transfórmase no principal espazo de concertos, con actuacións de Sergio e Estíbaliz, Manolo Sanlúcar, Jarcha ou artistas ligados á Nova Canción Galega. É o fogar do Obradoiro CAB durante quince anos, o primeiro recinto cuberto destas características, estreado a mediados da temporada 74-75, proxectado polo enxeñeiro Rafael Astor, coa participación das empresas locais Hijos de C.V. Otero ou Daviña.

Recorte de prensa sobre a multa á agrupación O Eixo pola celebración dunha conferencia sobre Castelao

Recorte de prensa sobre a multa á agrupación O Eixo pola celebración dunha conferencia sobre Castelao / Cedida

O 2 de marzo de 1975 celébrase alí o I Festival Folk Galego, organizado polas asociacións O Galo e O Eixo. Actúan Fuxan os Ventos, Rodrigo Romaní, Bibiano, Emilio Cao ou Miro. Enchen por primeira vez un gran recinto masivo en Santiago, unhas 5000 persoas, con cancións en galego sobre terra e liberdade. A presentación visibiliza unha corrente que até entón opera con cautela ou por vías semiclandestinas. Non en van, só cinco días despois, o xornalista Víctor Freixanes dá conta na prensa dunha multa de 25.000 pesetas á agrupación cultural O Eixo por unha conferencia sobre Castelao dentro dos actos polo 25 aniversario da súa morte.

Cartaz do I festival Folk en 1975

Cartaz do I festival Folk en 1975 / Museo do Pobo Galego

A música internacional tamén gaña presenza. Universitarios traen de Madrid ou Londres vinilos de rock progresivo, soul ou jazz fusión, que escoitan en casas e cafés. No número 48 do Hórreo, os pioneiros da electrónica europea, Portela Seijo, educan o oído das novas xeracións e triunfan co seu altofalante tubular Organsound, inspirado no órgano da catedral. A cidade continúa vixiada e a música funciona ás veces como linguaxe de liberdade.

Os estudos universitarios aínda son minoritarios, mais a USC, un dos campus máis antigos do mundo, é a única universidade galega nesas datas e un dos focos de tensión política. Nos cursos 74-75 e 75-76 ten máis de 500 docentes e arredor de 25.000 estudantes no seu conxunto, 15.000 na cidade. O alumnado aínda se recupera do caos xerado o ano anterior polo breve ministro de Educación, Julio Rodríguez Martínez, que decide modificar o calendario escolar e iniciar o curso académico en xaneiro. Noméao Carrero Blanco coa tarefa de purgar a universidade de profesorado e alumnado de esquerdas, pero é destituído antes do comezo das aulas, que apenas se alongan catro meses. No 75 desdóbrase Letras, inaugúrase Maxisterio en Xoán XXIII, remátase Económicas, comezan as obras de Dereito, San Xerome pasa a ser Reitoría e perfílase Fonseca como Biblioteca Xeral. O estudantado leva anos abrindo espazos de democracia, desde o marzo do 68 compostelán, tras a creación dun sindicato e a denuncia do autoritarismo académico. En febreiro de 1975, unha asemblea non autorizada en Ciencias desalóxase coa presenza da Policía Armada. O reitor, Sanz Pedrero, pide que as asembleas só poidan celebrarse con permiso decanal.

Composición creativa da artista Vero Ramilo para Compostela en Conflito 1975 dunha vietnamita da época propiedade da cooperativa Manchea con pasquíns e cartaces

Composición creativa da artista Vero Ramilo para Compostela en Conflito 1975 dunha vietnamita da época propiedade da cooperativa Manchea con pasquíns e cartaces / Cedida

Santiago de Compostela amósase como un organismo en efervescencia. A cidade oficial invoca orde pública para xustificar censura, multas, cargas policiais, despedimentos e demolicións. Fronte a ela, outra latexa como espazo de dereitos e creatividade. Resulta cada vez máis evidente no desenlace de corenta anos de despotismo moralista. A ditadura franquista converte a vida diaria nun espazo de exterminio, primeiro, e, despois, de vixilancia violenta e de medo que orixina silencio durante xeracións. Pensar neste pasado como xenocidio posúe un alto potencial interpretativo e así o defenden historiadores como o decano de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Míguez Macho. A xustificación da violencia pronto se transforma en negación dos feitos. O avance das exhumacións no século XXI fractura esa narrativa ao abrir os lugares da memoria borrada coas probas dos restos humanos das execucións. Mentres escribimos este texto, o grupo Histagra da USC finaliza en Luou (Teo) a extracción dos corpos de catro persoas da resistencia antifranquista de 1948. A memoria da cidade habita os nosos percorridos. Está ateigada doutros exemplos: en Boisaca prodúcense fusilamentos. O cárcere da Falcona funciona nos baixos do Pazo de Raxoi como punto de detención e depuración. Alí retense, entre outros moitos, ao alcalde, Ánxel Casal, antes de asasinalo. O campo de concentración de Lavacolla opera entre 1937 e 1939, ano en que pasa a xestionar batallóns de traballos forzados. E o predio do actual polideportivo de Santa Isabel alberga unha prisión central con persoas represaliadas. No inicio do réxime, sobre as mulleres discordantes recaen humillacións específicas (violación, rapas, tatuaxes…), e para todas é anulada a capacidade xurídica plena mediante a licenza marital, convertidas en menores legais. Tamén a persecución legal das disidencias sexuais resulta unha constante tan profunda que couta o desenvolvemento vital no espazo público até entrada a democracia.

Museo do Pobo Galego (autor), 1ª promocion de Xeografía e Historia

Museo do Pobo Galego (autor), 1ª promocion de Xeografía e Historia / Museo do Pobo Galego

Primavera

O primeiro día da primavera de 1975, cando a Berenguela toca as dúas da tarde, Maruxa e Coralia Fandiño Ricart seguramente camiñan do brazo na Alameda, aos seus 77 e 61 anos, o lustro previo á morte da maior. É o xoves anterior a xoves santo e quizais nas confeitarías Las Colonias, El Coral ou en Casa Mora xa ofrezan os doces típicos. Anos antes, as dúas irmás traballan no taller de costura da súa nai, Consuelo, pero a persecución política dos seus irmáns, militantes da CNT, o acoso constante e o sinalamento, destrúe o sustento familiar e abócaas á exclusión, tan só axudadas por algunha veciñanza. A ditadura borrara a democratización da vida cotiá e o avance das liberdades das mulleres iniciado na República. Historiadoras como Encarna Otero sosteñen que a ‘Santa Cruzada’ -o termo empregado polos golpistas para evocar a guerra como unha loita patriótica e relixiosa contra o marxismo, a masonaría e o ateísmo- que vai aplicar desde o inicio o control férreo sobre as mulleres, co apoio da Igrexa católica, resulta particularmente rotunda en Santiago.

A ditadura mantén unha trama legal que controla a disidencia sexual e a moral: o Código Penal, a Ley de Peligrosidad y Rehabilitación Social –contra o colectivo LGTBI e especialmente dura coas mulleres trans, non se derroga por completo até 1995– e a prohibición da anticoncepción e do aborto. En España persiste o despedimento por matrimonio ou embarazo. Segundo enquisas da época, dous terzos da poboación admite o divorcio só en circunstancias excepcionais e a gran maioría considera que as parellas con crianzas deben permanecer unidas. A prensa local recolle a detención de varias mulleres por abortaren. En canto ao novo voo Santiago-Londres permítelle a outras interromper fóra o embarazo, unha dinámica obrigada e recordada nunha mobilización de 1985 en Lavacolla. Otero fala de «dor inmensa», arrastrada durante xeracións, cando se refire ao efecto da vixiancia moral e á culpa inoculada a todas aquelas que foron quen de procurar subterfuxios.

Mais eses meses están tamén atravesados pola loita consciente a favor dos dereitos das mulleres. No ámbito internacional, o feminismo atópase en plena segunda vaga, a ONU declara 1975, por primeira vez, Ano Internacional da Muller. A xornalista e escritora compostelá Concha Castroviejo (1913-1995) cita Simone de Beauvoir e analiza a literatura como vía de acceso á realidade nun suplemento especial de La Voz onde escriben Ánxeles Penas, Camiño Noia, Luz Pozo ou María Xosé Queizán. A aprobación da Lei 14/1975, do 2 de maio, reforma o Código civil e elimina a «licenza marital», co que devolve ás mulleres casadas capacidade xurídica propia. En Compostela comezan a artellarse as redes do movemento feminista galego. O Movemento Democrático da Muller Galega (MDMG) conta cun grupo activo na cidade e inicia os encontros que cristalizan ao ano seguinte na Asociación Galega da Muller (AGM).

Propaganda da Asociación de Mulleres, 1976

Propaganda da Asociación de Mulleres, 1976 / Cedida

En abril, o cinema Metropol, na rúa Doutor Teixeiro, estrea Jesucristo Superstar, de Norman Jewison, anunciada como «o filme máis polémico de todos os tempos», e introduce un choque entre tradición clerical e modernidade. O 16 dese mesmo mes, unha manifestación acaba con pedradas e 27 persoas detidas e, ao día seguinte, prodúcese unha marcha de 400 estudantes, en canto o profesorado non numerario de Económicas continúa en paro.

O barrio de Conxo vive dous conflitos paralelos. No plano urbanístico, un proxecto de reparcelamento promovido desde os sesenta prevé derrubar as vivendas de máis de trescentas familias sen alternativa digna. A comezos de abril apróbase o plan e a resposta veciñal articúlase en mobilizacións que logran paralizalo en 1976. Vitoria veciñal fronte á especulación.

No campo da saúde mental, o Sanatorio Psiquiátrico de Conxo, fundado en 1885, convértese no epicentro galego da reforma psiquiátrica. Tras pasar do Arcebispado á Deputación en 1969 e coa chegada en 1971 dun novo xerente e de persoal médico formado en Oviedo, ábrese un proceso de transformación orientado á rehabilitación e á humanización do trato. A reforma choca coa lóxica do réxime: a Coordinadora Psiquiátrica denuncia as condicións dos manicomios e Conxo ten precedentes de represión, como a expulsión de 41 persoas traballadoras en 1936. En 1974, catro médicos ingresan en prisión acusados de propaganda ilegal. Un deles, Antón Seoane, forma parte tamén do Movemento Popular da Canción Galega.

Sanatorio Psiquiátrico de Conxo

Sanatorio Psiquiátrico de Conxo / Cedida

Verán

Conforme avanza o ano, a política municipal funciona en clave de preparación do Ano Santo de 1976. Os eixos de traballo anunciados polo Concello son: vivenda en Vite, saneamento, conservación monumental e organización do Xacobeo.

O venres 18 de xullo ás nove da mañá, vinte e unha bombas de palenque anuncian oficialmente o inicio das Festas do Apóstolo. Están marcadas pola efeméride do noveno centenario da fundación da Catedral, cuxa data máis aceptada —1075— rexorde grazas a novos estudos epigráficos. Na Quintana, represéntase Godspell, con música de Stephen Schwartz, autor tamén de bandas sonoras actuais como Wicked. Os rexistros oficiais apenas dan conta da entrada de 74 peregrinos ese ano. O groso dos visitantes resérvanse para o posterior.

Montaxe de anuncios de negocios compostelanosen 1975 (anuncios sen o fondo verde orixinal)

Montaxe de anuncios de negocios compostelanosen 1975 (anuncios sen o fondo verde orixinal) / Cedida

O verán tamén marca un fito para a afección do baloncesto. O Pavillón do Sar celebra un triangular entre o Obra, a selección española e a Universidade de Saint John’s. O famoso Clifford Luyk recolle a cuncha de prata.

E estala a crise de Conxo: a Deputación despide o administrador Francisco Candela, o director médico Francisco Torres, e os doutores García, González e Seoane, unha ducia de MIR e mais a traballadora social Julia Menéndez, o que provoca unha regresión asistencial inmediata e o inicio dunha contrarreforma. Aínda así, profesionais formados en Conxo levan a experiencia a outras comunidades; e parte da Lei Xeral de Sanidade de 1986, incluído o capítulo de psiquiatría, redactarase con esa bagaxe. No imaxinario compostelán, Conxo transfórmase en símbolo de resistencia eficaz, fronte a un Castromil fendido como cicatriz urbana.

En sinistra sincronía, o 8 de setembro Franco visita a Catedral de Santiago antes de viaxar de volta a Madrid, tras pasar o verán en Meirás. Faltan dous meses e medio para o seu falecemento. Nese mesmo momento, entra en Conxo un novo equipo médico para substituír os castigados e a dinamita estoura nos cimentos do Edificio Castromil.

Outono

O outono trae o episodio máis duro: o 27 de setembro o réxime executa cinco cidadáns, entre eles, Xosé Humberto Baena Alonso, antigo estudante de Filosofía e Letras da USC, que participara nas mobilizacións de 1970. Fora detido, expedientado polo Tribunal de Orden Público e pasara pola comisaría compostelá e pola prisión da Coruña. O seu fusilamento, canda o recordo de Chema Fuentes, estudante de Medicina morto polos disparos dun subinspector da Policía Armada en 1972 na rúa Doutor Teixeiro, impacta no campus como advertencia final dun réxime que agoniza pero mantén alertas de represión extrema. A partir de setembro intensifícase o control sobre a mocidade. A prensa testemuña algunhas actuacións. Por exemplo: o 7 de outubro anúnciase a desarticulación dos Comités de Ensino Medio tras localizar un depósito de propaganda nun faiado da rúa San Pedro de Mezonzo. No Modus Vivendi, a música sirve de pretexto para encontros con motivación política. As Xuventudes Musicais celebran reunións clandestinas vinculadas á actividade comunista. A principios de novembro, a policía detén o seu presidente e tres estudantes do Instituto Rosalía con «material subversivo», un dato que recolle Alfonso Espiño no seu Beat, pop y rock en Santiago de Compostela (1954-1978).

Cartaz de Baena

Cartaz de Baena / Museo do Pobo Galego

No plano urbano, Santiago é o resultado de décadas de expansión acelerada pola universidade, a construción intensiva e un tecido industrial incipiente. O Ensanche, crecido con alta permisividade especulativa, preséntase como rede de rúas angostas e edificios altos, con poucas zonas verdes. A ironía popular bautízao como «Estreche». O traslado da feira dos xoves a Salgueiriños e o da estación de autobuses a San Caetano, en 1972, evidencian a perda progresiva de vellos sinais identitarios.

As tensións urbanísticas concéntranse na praza García Prieto -hoxe Praza de Galicia- fronteira entre cidade histórica e nova, onde permanece o edificio Castromil, proxectado por Rafael González Villar, unha das primeiras construcións en formigón armado en Galiza, e que conta con tres fachadas distintas. Nace como Quiqui-Bar en 1926, un café cantante e sala de espectáculos, inspirada na artista parisina Kiki de Montparnasse. En 1929 adquire o edificio Evaristo Castromil e pasa a ser o nó de transporte en autobús por estrada co resto de Galiza.

Xornais da época

Xornais da época / Cedida

Xa a comezos de ano o Concello decide demoler o Castromil para construír unha nova praza cun aparcadoiro subterráneo, como preparación do Ano Santo de 1976. O Colexio de Arquitectos (COAG) leva tempo reclamando a súa protección. Case medio centenar de arquitectos piden suspender a demolición, entre eles os galegos Almuíña, Baltar, Bartolomé, Casabella e Martínez, que presentan un anteproxecto para integrar o estacionamento e conservar o edificio como equipamento cultural. O pleno municipal rexeita a proposta. O xornalismo local é favorábel á picaraña. A derruba comeza o 8 de setembro, mais o edificio resiste días e non esborralla até o 30. O Equipo Lupa filma a caída como símbolo da vitoria da lóxica motorizada e do funcionalismo tardofranquista.

Estamos no Ano Europeo do Patrimonio Arquitectónico e a presión política leva a que un dos asinantes sexa o propio sobriño de González Villar. Entre tanto, Otero Pedrayo insiste en que o lugar debe chamarse Praza de Galicia, e conségueo. O derrubamento pasa a ser a primeira gran batalla patrimonial contemporánea, e a praza ecoa como un certo non-lugar marcado pola memoria.

Inverno final de ano

Franco morre un 20 de novembro. Apenas un mes despois, a prensa recolle unha das primeiras mobilizacións compostelás a favor da amnistía política: 200 persoas concéntranse diante do pazo arcebispal, entregan máis de mil sinaturas e entoan o himno galego antes de se dispersaren pacificamente. Á beira de 1976, as protestas públicas comezan a aparecer con forza e a USC prepárase para un dos seus anos máis convulsos.

Tracking Pixel Contents