Dous investigadores da USC conseguen as becas máis prestixiosas de Europa
Dous proxectos recibirán axudas do Consello Europeo de Investigación na convocatoria Consolidator Grant

Julián Bergueiro e Sara Abalde-Cela, investigadores do CiQUS que recibirán un ERC Consolidator Grant. / INL e CiQUS

Dous proxectos que encabezará a Universidade de Santiago (USC), liderados respectivamente por Julián Bergueiro e Sara Abalde-Cela, acaban de ser aprobados na última convocatoria Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), unha das convocatorias máis competitivas de Europa.
As ERC Consolidator Grants diríxense a persoal investigador en fase de consolidación, cunha traxectoria científica destacada e proxectos altamente innovadores. Nesta edición recibíronse aproximadamente 3.121 solicitudes, das que 349 foron seleccionadas para financiamento (unha taxa de éxito do 11%). No caso da USC, os dous proxectos concedidos corresponden integramente ao CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) , o que reflicte o peso científico alcanzado polo centro a nivel europeo. Segundo destacou o propio ERC, esta foi unha das convocatorias máis competitivas rexistradas, cunha demanda sen precedentes e “moitos proxectos excelentes que non puideron ser financiados”.
ChiroPore, un proxecto que abre novas posibilidades para a entrega controlada de fármacos
ChiroPore, o proxecto liderado por Julián Bergueiro, propón unha aproximación innovadora para lograr o transporte selectivo de moléculas a través de membranas, un desafío clave en biotecnoloxía e química supramolecular. O proxecto inspírase nos mecanismos naturais de recoñecemento molecular e formula un sistema tipo “chave e pechadura” baseado en estruturas helicoidais capaces de diferenciar moléculas con alta precisión. Esta estratexia permitirá deseñar poros sintéticos con funcións avanzadas, abrindo novas posibilidades para a entrega controlada de fármacos, o desenvolvemento de biosensores ou a comunicación celular.
“Buscamos desenvolver o primeiro sistema artificial que controle dunha maneira selectiva o paso de macromoléculas a través da membrana celular”, explica Bergueiro, un avance que permitiría “desde controlar de xeito preciso o transporte de biomoléculas grandes ao interior celular —con impacto en aplicacións biomédicas como a terapia xénica— ata posibilitar o deseño de novos modos de comunicación celular”. Para o investigador, a obtención dunha ERC Consolidator supón a oportunidade de impulsar un proxecto cunha ambición que non podería abordarse con outros mecanismos de financiamento e de consolidar definitivamente o seu laboratorio na escena internacional.
OBSERVER buscará predecir si un paciente con cancró responderá ou non a unha terapia inmune
Pola súa parte, OBSERVER, o proxecto liderado por Sara Abalde-Cela, propón estudar a comunicación célula–célula como un proceso dinámico e multinivel, superando as limitacións das técnicas actuais. O proxecto desenvolverá unha plataforma optofluídica para coencapsular células de cancro e células inmunes a nivel célula individual, monitorizar as súas interaccións en tempo real e analizar despois a súa expresión xénica. Esta tecnoloxía permitirá explorar con maior profundidade procesos complexos relacionados coa metástase e abrirá novas vías en microfluídica, nanobiosensores e análise avanzada de datos.
“O meu obxectivo é desenvolver tecnoloxías capaces de capturar distintos tipos de interaccións entre células de forma simultánea e vencellalas co seu destino. Só así poderemos comprender como se desregula a comunicación en procesos como o cancro e abrir a porta a identificar novas vulnerabilidades clínicas”, explica Abalde-Cela. “Se conseguimos predicir, por exemplo, se un paciente responderá ou non a unha terapia inmune estaremos un paso máis cerca de estratexias terapéuticas verdadeiramente personalizadas”.
Para a investigadora, esta ERC Consolidator Grant representa un punto de inflexión: a posibilidade de dar o seguinte paso nunha liña de traballo que construíu durante a última década, con liberdade científica real e un impacto potencial en biomedicina que —salienta— a emociona especialmente.
Dous investigadores con amplias traxectorias internacionais
Os dous investigadores contan con traxectorias internacionais sólidas. Julián Bergueiro, doutor pola USC, desenvolveu a súa investigación posdoutoral na Freie Universität Berlin e na Universidade de Tokio, antes de incorporarse ao CiQUS cunha axuda Juan de la Cierva e, posteriormente, cun contrato Ramón y Cajal. O seu traballo actual céntrase no deseño de polímeros helicoidais e péptidos con control topolóxico para aplicacións biomédicas. Sara Abalde-Cela, doutora pola Universidade de Vigo, desenvolveu a súa carrera en institucións como a Universidade de Cambridge (Reino Unido) ou o International Iberian Nanotechnology Laboratory (INL) de Portugal. Actualmente é investigadora principal no grupo de Medical Devices do INL e compaxina o seu labor investigador coa súa actividade emprendedora como co fundadora e CTO da empresa RUBYnanomed, un referente en diagnóstico líquido.
O CiQUS suma 17 proxectos financiados polo ERC
Con estas novas concesións, o CiQUS suma xa 17 proxectos financiados polo ERC, distribuídos entre 12 investigadoras e investigadores do centro que recibiron o apoio do programa nas súas diferentes modalidades (Starting, Consolidator, Advanced, Synergy e Proof of Concept). Ademais de reforzar a posición do CiQUS no panorama científico español e europeo, este fito impulsa a capacidade do centro para atraer talento e favorecer a xeración de emprego investigador de calidade.
A obtención destes dous novos proxectos do ERC reforza a posición do CiQUS como polo de excelencia científica en Galicia e Europa, contribuíndo ao avance do coñecemento fundamental e ao desenvolvemento de novas tecnoloxías con potencial impacto biomédico, químico e biotecnolóxico.
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla