Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Celebrar a Concha Castroviejo: xornalista, crítica e picheleira

Roteiros guiados coa cooperativa Maos os días 10, 12 e 13 para dar a coñecer a autora

Xiana Iglesias (esq.) e Goretti Sanmartín pousan coa figura de Concha Castroviejo

Xiana Iglesias (esq.) e Goretti Sanmartín pousan coa figura de Concha Castroviejo / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«A máis grande xornalista que deu Compostela no século XX», falaba así Borobó (escritor e tamén xornalista) de Concha Castroviejo (Santiago, 1910-Madrid, 1995), e citábao no Pazo de Raxoi Xiana Iglesias, membro da cooperativa Maos. Innovación social coa que o Concello de Santiago vai celebrar a vida e a obra desta picheleira –nada na rúa da Senra– que «combateu estereotipos», en palabras da alcaldesa Goretti Sanmartín e de cuxo pasamento se cumpren este mércores 30 anos.

Os mesmos anos que viviu a escritora e crítica literaria na cidade, pois o seu posicionamento político levouna a pasar a maior parte da súa vida no exilio, entre Francia e México, logo de testemuñar en 1937 a favor do médico e político Francisco Comesaña – inspirador do doutor Da Barca en O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas–.

Para celebrar o seu traballo e dar a coñecer a súa figura xornalística e literaria, «inxustamente esquecida», dicía Sanmartín, e situala «como referente», dende este mércores e até o sábado Maos vai desenvolver un roteiro polas rúas da cidade. Sobre o «descoñecemento» xeral sobre Concha Castroviejo falaba tamén Xiana Iglesias, que o achacaba «ben por ser muller» nun oficio de homes como daquela era o xornalismo, «ben por vivir no exilio e logo establecerse en Madrid ou por escribir en castelán, ou por unha mestura das tres cousas».

Un paseo de Fuenterrabía até a Casa de Europa en Vista Alegre

Para optar a unha das 30 prazas que se ofrecen en cada unha das tres sesións do roteiro ‘30 anos con Concha’ é necesaria a inscrición previa a través do formulario publicado na web www.i.gal/concha, mais a partipación no paseo guiado é de balde.

Este mércores día 10, aniversario do pasamento da xornalista, o roteiro parte ás 18.30 da Praza de Fuenterrabía para chegar, a través da cidade histórica, até a Casa de Europa, en Vista Alegre, e vai contar coa participación de Nanina Santos, sobriña de Concha Castroviejo e coa colaboración –os tres días– da xornalista e poeta Marga Tojo, que fará unha lectura de fragmentos da obra de Castroviejo así como doutros textos creados por Tojo e vinculados coa figura homenaxeada.

O roteiro repítese á mesma hora, dende o mesmo lugar e co mesmo número de prazas o venres día 12 e a terceira quenda deste ‘30 anos con Concha’ terá lugar o sábado día 13 a partir das 12 do mediodía, de novo co mesmo percorrido e coa colaboración da xornalista Marga Tojo.

Xincana infantil

Xiana Iglesias especificou na rolda de prensa que se trata dun roteiro dirixido a persoas adultas, fundamentalmente, máis dende Maos tamén se creou «unha xincana infantil» para que a rapazada de entre 12 e 16 anos que participe do roteiro poida aprender sobre a vida e a obra de Concha Castroviejo dunha maneira lúdica «e amable mentres se percorre a zona vella» de Compostela.

Tracking Pixel Contents