Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Parálise no Concello: a oposición volve tumbar o pagamento das facturas atrasadas

O PP sustenta o seu 'Non' nas dúbidas xurídicas e os non adscritos solicitan novo pleno extraordinario con votación de dous expedientes independentes, un deles o de Viaqua

Os edís dos Partido Popular nunha imaxe de arquivo

Os edís dos Partido Popular nunha imaxe de arquivo / Cedida

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago de Compostela

"Cando se realiza un traballo, nace para a Administración local o deber de retribuílo, se non, está o dereito do provedor a esixilo xudicialmente". Interviña desta maneira no final do pleno extraordinario deste mércores o secretario municipal. Unha intervención atípica como tamén foi a propia sesión plenaria, cargada, máis aínda do habitual, de tensión e reproches entre os grupos da Corporación local. O resultado da votación, logo dun receso de dez minutos nun pleno de dúas horas, foi o mesmo que no debate ordinario do pasado mes: votos a favor do recoñecemento extraxudicial de crédito -REC- de BNG, Compostela Aberta e PSOE; abstención dos non adscritos; e voto en contra dos 11 edís do PP, co que o REC volveu ser rexeitado.

Na súa intervención o secretario insistiu en aclarar que a "aprobación deste pagamento non implica por parte dos grupos convalidar o procedemento" polo cal se realizaron as contratacións. Queixa que manifestou o líder do PP, Borja Verea, polas "dúbidas xurídicas" que presentaba o expediente, mentres o voceiro dos edís non adscritos, Gonzalo Muíños, solicitaba que se achegasen dous expedientes, un deles específico para o pagamento das 26 facturas que se adeudan a Viaqua pola xestión da cobranza do lixo dende 2019.

"Llanuras bélicas y páramos de asceta", Robe no pleno

"Llanuras bélicas y páramos de asceta", Borja Verea resumía así, citando os versos de Antonio Machado ao tempo que homenaxeaba o líder de Extremoduro, Robe Iniesta -finado este mércores-, o cruce de reproches protagonizado polo exsocialista Gonzalo Muíños e a agora socialista -antes independente- Marta Abal en relación ao impago das facturas que se deben a Viaqua. Ambos concelleiros integrantes do último executivo de Xosé Sánchez Bugallo acusáronse da responsabilidade de non ter resolto este expediente naquela altura.

A cordura chegou ao pleno coas desculpas da concelleira Abal "á cidadanía, por este bochornoso espectáculo", e coa petición de Muíños dun novo pleno extraordinario, con expediente aparte para Viaqua que lles permitira aos non adscritos votar a favor do resto de facturas pendentes.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, alén de convidar o secretario municipal a explicar as consecuencias de que non saíse adiante o expediente, quixo trasladarlle á poboación de Compostela que "este non é un asunto partidista, é administrativo: o Concello ten a obriga de pagar". Sanmartín preguntou á oposición: "Como xustifican que non se vote a favor de pagar os traballos que se realizaron? Non pagan os traballos que se fan nas súas casas?".

A rexedora, como xa indicara o concelleiro de Facenda, Manuel César, lembroulles aos grupos que "sempre se propiciou que se pagasen as facturas", ben co voto a favor ou ben coa abstención, e recalcou que "non se xustifica que non se favoreza" este pagamento, sobre o que o Partido Popular repetiu unha e outra vez as "dúbidas xurídicas" que lles supoñía o expediente presentado por non teren "garantías da súa legalidade". Aínda que desta volta agradeceron a Manuel César a información achegada.

Queda no aire se haberá un novo pleno extraordinario no prazo de 48 horas e tamén se son certas as palabras da alcaldesa de Santiago logo do pleno de novembro en canto a ese primeiro bloqueo do pagamento de facturas: "unha moción de censura encuberta". Cada vez queda menos tempo para desvelar o misterio, polo de agora, a parálise da Administración local neste asunto é clara.

Acusacións de ‘politiqueo’ e «desleixo» na xestión

O edil Manuel César iniciou a súa intervención apelando ao «favor de todos os grupos» da Corporación local para sacar adiante o REC e abonar as facturas pendentes. Pero o que recibiu do outro lado, nomeadamente de non adscritos e PP foron, unha vez máis, críticas por levar de novo a pleno un recoñecemento de crédito.

O voceiro dos non adscritos, Gonzalo Muíños, tildouno como manobra de «politiqueo» e acusou o Bipartito de usar «os provedores para batallar co PP». «Se non sorprende o PP o resultado será o mesmo que no anterior pleno. Nós absterémonos», como facía lembrou o BNG na oposición. A edil popular Rosario Ferreiro, pola súa banda, acusou o goberno de «desleixo no cumprimento da normativa de contratación» e asegurou que a súa formación se atopaba «nunha situación moi difícil» ao tratarse de aprobar o pagamento de facturas que suman «un millón de euros», en referencia ás de Viaqua, «sen cobertura normativa».

A eles respondeulles Manuel César, enfocando o seu discurso especialmente no edil Gonzalo Muíños. «Admiro que fale de politiqueo cando foi o seu goberno o que deixou de pagar en maio de 2021». César botoulle en cara a Muíños que non facilitasen a aprobación e lembroulle que «no goberno tamén traían a pleno expedientes semellantes a este».

Tracking Pixel Contents