PSOE e non adscritos cuestionan «as formas» para integrar a UMAD no Sergas
Os sindicatos dubidan da obriga de transferencia do persoal traballador

Dependencias da UMAD en Salgueiriños / Antonio Hernández

Os grupos municipais socialista e non adscritos cuestionaron este martes «as formas» nas que a integración da UMAD –Unidade Municipal de Atención ás Drogodependencias– no Sergas –Servizo Galego de Saúde– chega este día 10 ao pleno extraordinario para a transferencia efectiva das competencias o 1 de xaneiro de 2026.
Para o PSOE, o traspaso é algo «natural, porque dende o punto de vista funcional xa dependía dende 2007», pero «non estamos de acordo coas formas», explicaba a concelleira Marta Abal en rolda de prensa. A edil poñía en cuestión a demora na constitución da mesa negociadora co persoal traballador da unidade. O 9 de outubro a comisión mixta, liderada pola Fegamp –Federación galega de municipios e provincias–, chegaba a un acordo, «pero a mesa negociadora do concello non se constituíu até ao 29 de novembro», ao que se suma que «non existe unha proposta formal por escrito que xustifique a integración obrigatoria», aseguraba a concelleira Abal.
A edil matizou que o seu grupo recibiu para o pleno «o borrador do decreto e do acordo xenérico, ademais da proposta de aprobación do borrador do acordo» pero bota en falta «o anexo co persoal afectado, a cesión do inmoble e traspaso de material». Algo que segundo o PSOE deixa ao descuberto a «falta de dilixencia do goberno, en algo que debera ser unha boa noticia».
Pese a todo, o PSOE amósase a favor desta integración da UMAD no Sergas, como tamén recoñecen dende a bancada dos concelleiros non adscritos, máis dende aí solicitaban o martes á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que atrasara a votación plenaria desta transferencia. A edil Marta Álvarez aseguraba no seu comunicado que que a integración é «lóxica» pois trátase «dun servizo impropio para un concello», pero aseguran que se debe velar porque non supoña «un prexuízo para os dereitos laborais do persoal».
Por esta razón, atendendo a un correo difundido esta fin de semana por parte do persoal denunciando que non teñen ningunha concreción formal das condicións nas que se vai efectuar o traslado, Marta Álvarez e os demais edís non adscritos instaban o goberno local a «ter en conta as reivindicacións do persoal funcionario, e que se retrase a aprobación da integración do centro no Sergas», que se vota este mércores no Salón de Plenos do Pazo de Raxoi.
A alcaldesa, en resposta ás preguntas da prensa, asegurou que os prazos veñen fixados pola comisión mixta e a Fegamp e apuntou que nun primeiro momento se instara a realizar a votación no pleno de novembro. Goretti Sanmartín afirmou que se manterán as condicións do persoal traballador e que se poderá seguir matizando o acordo logo da integración no Sergas a partir do 1 de xaneiro.
Se estas «formas» que PSOE e non adscritos lle achacan ao goberno local levan a que a integración da unidade no servizo de saúde non saia aprobada, o Bipartito verase na obriga de volver levar a cuestión ao pleno ordinario do 18 de decembro.
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- Buscan unos figurantes muy especiales para una «gran producción de época» que pronto se rodará en Santiago
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- Seis nuevas jornadas de huelga de autobuses en Santiago: consulta los días y los servicios mínimos