Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Volven a pleno as facturas impagadas polo Concello de Santiago, entre elas as pendentes con Viaqua

O voto en contra do PP sumado á abstención dos edís non adscritos bloqueou o pasado novembro a aprobación do expediente extraxudicial de crédito que permitiría o pago

Opleno de novembro tivo lugar na biblioteca do Consello da Cultura Galega

Opleno de novembro tivo lugar na biblioteca do Consello da Cultura Galega / Antonio Hernández

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

No pleno extraordinario deste mércores vaise volver someter a votación o expediente extraxudicial de crédito que non saíu aprobado no mes de novembro. Un documento que sumaba un total de 119 facturas, 26 das cales databan de 2019 e correspondían a Viaqua pola xestión do recibo do lixo –unha cuestión bloqueada durante anos, para dirimir a que entidade correspondía asumir esa cobranza e que conseguiu desbloquear o goberno bipartito–.

O 29 de novembro o concelleiro de Facenda, Manuel César, colleitou as críticas de toda a oposición por «volver traer a pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito –REC–», unhas críticas que se fixeron extensivas á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e ao seu goberno, por non ser «transparente» nin ter talante «negociador». «Supoño que saben a transcendencia que ten non desbloquear este pagamento, están opoñéndose a que a xente cobre», foron as palabras da rexedora aos edís do Partido Popular.

Na sesión plenaria que se desenvolve esta mércores, a partir das 11.30 horas no Pazo de Raxoi, vólvese someter á aprobación da corporación este REC, que suma unhas contías adebedadas polas arcas municipais aos seus provedores de 1,9 millóns de euros, dos que 992.395 euros corresponden ás 26 facturas de Viaqua pendentes dende o ano 2019.

A previsión é que os concelleiros no goberno e a oposición progresista repitan os seus votos, é dicir, que BNG (6 edís) e Compostela Aberta (2 concelleiros) acheguen o seu voto a favor, e que a este ‘Si’ se sumen os dous edís do grupo municipal socialista (Marta Abal e Sindo Guinarte), como aconteceu no pasado pleno.

No caso dos concelleiros non adscritos –Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez–, o máis probable é que se manteñan na abstención, «para non obstaculizar o pagamento». Queda pois todo nas mans dos 11 concelleiros do Partido Popular de Santiago. Se de novo eles votan en contra do REC as facturas continuarán pendentes. Se pola contra se absteñen para permitir estes pagamentos, Raxoi poderá saldar esta débeda.

Por ver quedan, polo de agora, os reproches que a oposición faga unha vez máis ao goberno local e á súa «mala xestión» por recorrer a expedientes extraxudiciais de crédito para pagar as débedas. En novembro, tan só a socialista Marta Abal deu os seus parabéns a Manuel César por desbloquear a xestión da débeda con Viaqua.

Tracking Pixel Contents