Cincuenta anos de Filoloxía da USC: crean un libro con testemuñas de varias xeracións de estudantes
‘De Mazarelos a Vista Alegre’, editado por Henrique Neira, recolle en 300 páxinas textos e imaxes dende a súa orixe ata a actualidade

Acto de presentación do libro 'De Mazarelos a Vista Alegre' no Auditorio da Facultade de Filoloxía da USC, este xoves. / Santi Alvite

Un traballo de 300 páxinas nas que se recollen fotos, textos e suxerencias dun cento de persoas que se formaron na Facultade de Filoloxía da USC ao longo dos seus cincuenta anos de historia. Este é un pequeno resumo do libro ‘De Mazarelos a Vista Alegre’ que foi presentado este xoves no Auditorio da propia facultade nun acto presentado polo reitor da USC Antonio López, no que tamén interviron o decano Elías J. Feijó Torres, a vicedecana Elsa M. González Álvarez, o xornalista Henrique Neira, responsable da edición do libro; Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e Goretti Sanmartin, alcaldesa de Santiago.
A presentación deste libro, que Antonio López, definiu como «testemuña viva da traxectoria dun centro que soubo adaptarse aos retos dos tempos» serviu de colofón ao programa de actos co que se conmemora o medio século de historia deste centro da USC. Exposicións, concertos de persoas que se formaron neste centro ou conferencias de exdecanos foron algunhas das actividades realizadas nos últimos meses, ás que se suman materiais audiovisuais para dar a coñecer a labor docente e investigadora da facultade e que se irán publicando a partir de xaneiro.
Henrique Neira foi o encargado de explicar o contido do volume. Encargado de organizar cronoloxicamente todo o material recibido tivo ademais que «consultar unhas 12.000 noticias en medios e o Arquivo e Biblioteca Universitaria», indica. Un traballo que lle levou sobre un ano e medio e que considera que será de «interese para todos os que pasaron por aquí e para calquera persoa interesada por Galicia».
O decano da facultade puxo en valor que se tratou de «dar voz a xente que quixera contar a súa visión».
Como anécdota e en referencia ao nome do volume, Elías J. Feijó asegurou que houbo un debate sobre se poñer Vista Alegre ou Vite. «Gañou por maioría Vista Alegre», dixo. Esa votación foi para el un risco, algo que debe asumir «unha facultade que funciona como servizo público».
Pola súa banda, a vicedecana, como coordinadora do programa de actividades con motivo do 50 aniversario do centro, agradeceu ao Concello, á USC e á Xunta de Galicia pola súa implicación, ademais da labor das persoas da facultade. Definiu que o libro é «un percorrido colectivo de 50 anos con voces de persoas que construíron a facultade».
Sanmartín incidiu na súa intervención en que «Santiago bebe moito da importancia que tiveron as aulas universitarias de Filoloxía no seu rico e vizoso tecido cultural».
Tamén Román Rodríguez destacou a proxección pública da Universidade de Santiago no seu conxunto, poñendo o foco en que «Filoloxía logrou xerar debate social».
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos