Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Victoria nunha batalla «perdida», Compostela recupera as estatuas do Mestre Mateo

Abraham ou Xeremías e Isaac ou Ezequiel, profetas do exilio obra do Mestre Mateo, son agora «profetas da memoria histórica». Dende onte e até o vindeiro mes de maio reciben na ala sur do Museo do Pobo Galego a visita da veciñanza de Compostela, unha vez restituídas á cidadanía logo de que a xustiza obrigase a familia Franco a devolvelas.

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«É importante abandonar a comodidade, ás veces tamén na xestión pública, e decidir iniciar batallas que todo mundo dá por perdidas». Martiño Noriega, alcalde de Santiago con Compostela Aberta entre 2015 e 2019 falaba así diante dos profetas do exilio do Mestre Mateo no Museo do Pobo. Flanqueado por Abraham (Xeremías) e por Isaac (Ezequiel) era a mellor mostra de que se poden gañar «as batallas perdidas».

Xunto a el, de anfitrioas, a alcaldesa Goretti Sanmartín e a presidenta do Padroado do museo, Concha Losada, co exalcalde socialista Xosé Sánchez Bugallo, protagonizaron o acto de presentación pública das estatuas do Pórtico da Gloria, propiedade do Concello de Santiago e espoliadas hai máis de 70 anos pola familia do ditador Franco. Tivo que ser unha sentenza xudicial a que determinara a súa saída do Pazo de Meirás, outro espolio do franquismo, e a súa restitución ao pobo «de Compostela e de Galicia», proclamou Goretti Sanmartín.

Gañar esta «batalla que todo o mundo daba por perdida» supuxo un longo proceso de dez anos de litixio xudicial e chegou despois dunha primeira sentenza que non fixo xustiza. Lembraba Sánchez Bugallo ese primeiro fallo, que apoiaba á familia Franco cando negaba que esas figuras foran as que reclamaba o Concello de Santiago, «porque unha delas estaba rota», chanceou sinalando a marca na estatua de Abraham, cun visible arranxo xa documentado por Raxoi antes do espolio.

«Agardamos que a restitución destas dúas esculturas sexa tamén o inicio doutras moitas historias de recuperación do patrimonio espoliado polo franquismo»

Goretti Sanmartín

— Alcaldesa de Santiago

No acto institucional contouse coa presenza de autoridades entre as que, ademais de concelleiros das cinco formacións que integran a Corporación local, se atopaban o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o reitor da USC, Antonio López, e interviron Antía Muíño e Miguel Arribas, arroupando coa súa música a Abraham e Isaac.

«Franquismo, nunca máis!»

«Agardamos que a restitución destas dúas esculturas sexa tamén o inicio doutras moitas historias de recuperación do patrimonio espoliado polo franquismo», remarcou a alcaldesa Sanmartín no seu discurso, sen obviar que tamén o Pazo de Meirás, onde até agora residían as esculturas do Mestre Mateo, é outro ben do que se apropiou a familia Franco.

Animou a rexedora a toda a veciñanza da capital galega a visitar a exposición, a contemplar as esculturas do Mestre Mateo, a fotografarse con elas como tamén se fai con «outras dúas figuras que tamén representan a loita contra a represión, contra o franquismo, como son as Marías, das que lamentablemente moita xente descoñece a súa historia».

Unha historia marcada polo golpe militar que en 1936 emprendeu o xeneral Francisco Franco para derrocar o goberno da II República e do que en 2026 se cumprirán 90 anos. «Ese ano da memoria», dixo Sanmartín, que debe servir para que a xente máis nova coñeza que «o franquismo non foi un réxime máis», e proba diso son tamén Ezequiel e Xeremías, «que se recuperan 50 anos despois da morte do ditador». «Franquismo, nunca máis!», reivindicou Sanmartín no remate do seu discurso.

A exposición

Na ala sur do Museo do Pobo Galego, que vai acoller até o vindeiro mes de maio as esculturas do Mestre Mateo, compleméntase cunha exposición que inclúe unha liña do tempo sobre a historia das pezas e un audiovisual que forma parte do proxecto KosmoTech 1200, da universidade compostelá e do Cispac –Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais–.

Unha mostra centrada na reconstrución do coro do Mestre Mateo e do conxunto do nártice (vestíbulo) do Pórtico da Gloria, incluída a fachada exterior onde estaban situadas as esculturas de Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel –os estudosos manteñen o debate sobre a correcta denominación das pezas–. Ademais, o público visitante terá acceso a unha folla de sala con códigos QR para acceder a materiais sobre o proceso creativo do Pórtico, o periplo das estatuas e a súa relevancia na cultura galega e europea.

Tracking Pixel Contents