Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cerdán citado no xuízo aos edís expulsados do PSOE: a executiva local réstalle importancia á súa declaración

O ex secretario de Organización do PSOE, imputado por corrupción e agora fóra das filas socialistas, asinou a resolución que aprobaba a expulsión dos catro concelleiros

Santos Cerdán, o 19 de novembro deste ano, á saída da prisión de Soto del Real

Santos Cerdán, o 19 de novembro deste ano, á saída da prisión de Soto del Real / Carlos Luján (EP)

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Na mañá deste sábado saltaba aos medios a noticia, difundida pola axencia Europa Press (EP), de que o ex secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán, será chamado a declarar no xuízo dos días 7 e 8 de setembro de 2026 pola expulsión dos catro edís socialistas de Santiago, os agora non adscritos no Pazo de Raxoi: Gonzalo Muíños, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez. Foi o tamén agora ex socialista Cerdán, polas competencias do cargo que tiña naquela altura, o encargado de asinar a resolución disciplinaria aprobada contra os concelleiros.

Aínda que se coñeceu agora, a resolución deste testemuño adoptouse o pasado outubro, e para o secretario xeral dos socialistas composteláns, Aitor Bouza, este feito «parece unha filtración un pouco interesada». O deputado no Parlamento de Galicia coincide coa valoración da avogada do PSOE que alega, segundo EP, que se trata dunha manobra «para xerar impacto mediático», e Bouza engade que «realmente non ten nada de trascendente, é unha filtración absolutamente interesada, para tentar mesturar todo no contexto no que estamos».

Un contexto no que Santos Cerdán acaba de saír de prisión, en liberdade provisional, e está investigado por corrupción; mentres no PSdeG, as denuncias por acoso sexual ao xa ex presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, poñen o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, contra as cordas, ao declarar ser coñecedor destas acusacións contra Tomé dende o mes de outubro.

Os concelleiros non adscritos declinaron facer valoracións desta filtración polo momento. Mais segundo puido saber EL CORREO GALLEGO, por fontes da súa contorna, consideran que «o tempo pon a cada un no seu lugar, e xa o estamos vendo co que está pasando», en referencia aos escándalos de corrupción e acoso nas cúpulas do PSOE que están a desvelar os medios nas últimas semanas. Polo que os non adscritos confían «na xustiza e no tempo».

Sen coñecemento sobre «o fondo do asunto»

Aitor Bouza indica a este diario que a xuíza deste caso «aceptou todas as probas propostas e Santos Cerdán vai declarar porque era o secretario de organización e asinou a resolución sen máis. Era quen tiña as competencias polo cargo que ostentaba, mais non vai testificar sobre o fondo do asunto».

O secretario xeral do PSOE en Santiago lembra que Cerdán «era o secretario de organización que asinou esa resolución no momento do xuízo das medidas cautelares, pero non participou directamente porque lle fixo un poder ao asesor xurídico». Bouza insiste en restar importancia a esta comparecencia e incide en que Santos Cerdán «asinou a resolución porque era quen tiña a competencia polo cargo que ostentaba. Pero, evidentemente, hai un equipo xurídico que fundamenta os informes, un instrutor que foi quen fixo as investigacións previas e logo ratificouse na Comisión Federal de Garantías».

Tamén defende este argumento a avogada do PSOE que en audiencia previa presentou un recurso contra a citación de Cerdán ao asegurar que «xa non forma parte do PSOE» e insistir en que esta busca só «un efecto mediático». A letrada si defende que compareza o director da Asesoría Xurídica de Ferraz porque considera que «podería aclarar a tramitación dos expedientes disciplinarios» a Rosón, Castro, Álvarez e Muíños por ter «pleno coñecemento do proceso».

Cerdán non é a única testemuña citada a declarar en setembro do ano que vén. O representante legal dos catro edís non adscritos solicitou tamén a comparecencia, como testemuñas, de catro traballadores eventuais do PSOE de Santiago e do ex alcalde de Compostela e ex senador socialista Xosé Sánchez Bugallo. Unhas citacións ás que si accedeu a xuíza deste caso, pese a oposición da avogada de Ferraz.

A ordenanza das VUT

En xuño de 2024 o pleno compostelán votou a aprobación da ordenanza das vivendas de uso turístico –VUT– e foi aí onde arrancou o conflito entre os daquela edís socialistas e o aparato do PSOE. O secretario xeral Aitor Bouza instou os seis concelleiros a absterse na votación, orde que non acataron dende o grupo municipal, votando a favor dunha iniciativa pola que traballaran no mandato anterior.

Na mesma xornada a executiva local ordenou o relevo da xefa de gabinete e do responsable de comunicación do grupo en Raxoi, ao que daquela voceiro socialista Gonzalo Muíños se negou e que lle supuxo a súa «suspensión temporal de militancia». O terceiro e definitivo conflito foi a decisión do PSOE de Santiago de nomear voceiro do grupo a Sindo Guinarte, nunha xuntanza á que declinaron asistir as edís Rosón, Castro e Álvarez, posto que «o nomeamento do portavoz é competencia do grupo municipal» e non da executiva local dos partidos.

Tracking Pixel Contents