Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Durante a manifestación

A falta repentina de seis policías locais obrigou a Raxoi a recorrer á concesionaria do túnel do Hórreo para non pechalo este domingo

Ocorreu nunha xornada de enorme complicación de tráfico pola mobilización en contra de Altri na capital galega

Axentes da Policía Local de Santiago, na Praza do Obradoiro

Axentes da Policía Local de Santiago, na Praza do Obradoiro / Antonio Hernández

Santiago

O concelleiro non adscrito, Gonzalo Muíños, criticou este domingo a falta de efectivos da Policía Local durante a xornada, coincidindo coa celebración dunha marcha polas rúas de Compostela contra a instalación da celulosa Altri en terrritorio galego. «É lamentable que nun día como hoxe, cunha manifestación multitudinaria, non haxa a Policía Local para garantir o seu correcto transcurso. Hoxe hai só un inspector e un oficial e non hai ningún efectivo na sala de tráfico», indicou Muíños. Diante desta situación, o edil asegura que pedirá explicacións no vindeiro pleno municipal sobre a organización da quenda prevista.

Trala denuncia do concelleiro, fontes de Raxoi explicaron que para esta mañá de estaba prevista unha quenda con oito efectivos. Pero antes de comezar a xornada «tres policías comunicaron a súa indisposición para incorporárense aos seus postos». As 9.00 horas «outros dous policías comunicaron a súa indisposición e ausentáronse dos seus postos», proseguen. Sobre as dez da mañá fixo o mesmo o policía encargado da Sala de Pantallas, polo que finalmente só quedaron dous policias.

«Para evitar o peche do túnel do Hórreo, nunha xornada de enorme complicación para o tránsito por mor da manifestación» Mobilidade recurriu á empresa concesionaria do mantemento do túnel, que puido mobilizar persoal propio para garantir a necesaria vixilancia da infraestrutura.

Desde outubro

A negativa do persoal da policía e dos bombeiros a realizar horas extra mantén a súa operatividade en mínimos desde finais de outubro, xa que a escasez de efectivos obriga a que o Concello precise da realización de quendas adicionais para prestar servizos estruturais. O goberno local está inmerso en negociacións coa representación sindical do persoal, pero polo momento o conflito segue sen desbloquearse.

Na súa denuncia, Muíños agardou «que efectivos doutros corpos se fagan cargo da regulación dos cortes de tráfico e velen pola seguridade no transcurso da manifestación». Deste xeito, valorou que «o de hoxe é unha imprudencia máis que demostra que algo segue sen funcionar no goberno da señora Sanmartín». Raxoi precisou que se informou da situación á Policía Nacional, "coa que sempre se traballa de maneira coordinada" e que un policía local acudiu a manifestación.

Tracking Pixel Contents