Entrevista | MÍRIAM LOUZAO Concelleira de Turismo de Santiago de Compostela
«A Xunta debe investir para traer aeroliñas a Lavacolla como fai Asturias ou Navarra»
O Concello amosa a súa preocupación pola perda de pasaxeiros tralos recortes de Ryanair e espera captar novas rutas a partir de maio de 2026, unha vez reabra a terminal tralas obras

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao / Jesús Prieto

O aeroporto de Santiago perdeu o pasado novembro un de cada tres viaxeiros con respecto ao mesmo mes de 2024. O descenso responde sobre todo aos recortes da compañía irlandesa de baixo custo Ryanair que cesou boa parte das súas operacións o 25 de outubro. Convencida de que o Rosalía de Castro é o aeroporto de entrada a Galicia, Míriam Louzao (Santiago, 1983) defende que a Xunta debe implicarse máis para tratar de paliar o descenso de conexións. A concelleira e voceira do executivo local reclámalle ao executivo de Alfonso Rueda que parte do seu orzamento para a promoción turística da comunidade se invista en campañas directas coas compañías aéreas. Raxoi destina xa a este fin un millón de euros cada ano.
A marcha de Ryanair deixou un desplome do 33% dos viaxeiros en Lavacolla en novembro. Como ve esta situación o Concello?
Estamos preocupados. É obvio que os datos do aeroporto van ser peores trala decisión de Ryanair, porque hai menos rutas. O Concello de Santiago por si só non pode reverter esta situación, e por iso en todos os comités aeroportuarios e no grupo de traballo que temos agora insistimos en que é necesario que todas as administracións traballen da man.
Que podería facer a Xunta?
Practicamente todas as comunidades autónomas potencian contratos de márketing e de promoción coas compañías aéreas para conseguir ter novas rutas. Hai exemplos recentes de licitacións públicas en lugares como Navarra ou Asturias. A Xunta debería investir para traer rutas a Lavacolla, pero non o fai. Ese é un dos principais problemas.
O alcalde de Vigo asevera sempre que si que pagan.
É mentira. A Xunta non puxo nin un só euro en campañas de márketing con compañías desde o Bipartito, é dicir, xa hai anos. A administración galega o que di é que inviste millóns de euros en promoción turística de Galicia nos diferentes mercados, que é unha estratexia moi entendible, pero que non é rendible para o caso dos avións. Todas as campañas que se viñeron facendo coas aeroliñas dende aquela son do Concello de Santiago.
En que consisten eses acordos de márketing exactamente?
O Concello pon anuncios sobre Compostela como destino nas páxinas webs das aeroliñas, nas súas revistas..., nos soportes que teña a compañía. Desa forma as administracións apoian e colaboran para que a nova ruta arranque. Entendemos que é un tema controvertido, que pode haber unha decisión de non querer facer estas campañas nos soportes das compañías. Pero a Xunta gasta moitísimo en promoción do turismo e non entendemos esa cerrazón a non querer colaborar absolutamente con ningunha compañía.
Canto inviste o Concello neste tipo de campañas?
No orzamento de Turismo de Santiago, de Incolsa, levamos un millón de euros.
Están a traballar para que poidan chegar novas rutas a Lavacolla?
Nós seguimos traballando cunha comunicación constante coas compañías. Tivemos ese anuncio do voo a Nova York, agora o anuncio do voo directo a Cork por parte de Aer Lingus, que vai facer esas dúas conexións semanais con Irlanda a partir de xuño. É importante porque é un dos principais mercados emisores europeos, estamos satisfeitos co anuncio. Tamén o reforzo de Vueling. Nós seguimos traballando con todas as compañías, tamén con aeroliñas novas que aínda non operan no Rosalía de Castro, para poder facer máis anuncios nese sentido. Tamén é certo que é complicado que sexa antes de maio, chegarán unha vez se reabra o aeroporto. Entedemos que nos próximos meses vai haber unha baixada, que non é o óptimo, pero é unha realidade. Non podemos facer outra cousa que traballar unidos para aumentar as rutas de cara ao ano que vén.
Sempre se fala de localismos no tema aeroportuario. Realmente é así?
Teño que dicir que nestes anos que participei nos comités non vin un problema de localismos. Cada concello ten que mirar evidentemente polos intereses dos seus aeroportos, pero os tres sempre estivemos dispostos a traballar conxuntamente e chegar a acordos. Pero quen ten que coordinar isto é a Xunta e a Xunta négase a facelo. O que non poden é criticar despois que isto pasa por culpa dos concellos. Os aeroportos non son dos concellos nos que están situados. De feito nos datos de AENA que nos ensinaron no último comité aeroportuario víase claramente que o Rosalía de Castro é de todo o país. Isto xa non é un problema turístico, é un problema de mobilidade para toda a cidadanía galega, para as empresas... Por iso pensamos a solución ten que liderala a Xunta.
Que papel debe xogar AENA?
Estanos axudando agora a falar con novas compañías aéreas, por exemplo. Nós o que lle pedimos e que cambie a política de taxas aeroportuarias. Somos conscientes de que a marcha de Ryanair non foi polas taxas, os avións ían cheos e ademais marcharon para outros aeroportos españois. Pero o Rosalía de Castro ten un problema. No momento en que pasou dos tres millóns de pasaxeiros anuais deixou de ter as promocións para as taxas que teñen outras terminais como as da Coruña e Vigo. Perdeu as bonificacións de AENA e perde competitividade. O que lle pedimos é que teña un modelo no que os aeroportos medianos non estean no mesmo lugar que as grandes terminais como Madrid ou Barcelona.
Malia a caída dos datos do aeroporto Rosalía de Castro, a alcaldesa fala de que tanto a oposición como o sector están a transmitir unha visión catastrofista sobre o turismo.
O descenso de visitantes do aeroporto non se ve nas estadías por exemplo. Estamos en volumes moi relevantes de visitantes, superiores aos que había antes da Covid. E hai un dato que nos di que imos no bo camiño que é o incremento da tarifa media dos hoteis, que en xullo, agosto e setembro superou os cen euros.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos