Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Artesanía en Santiago para acabar co estigma da saúde mental

Volve ao segundo andar do Museo Granell a mostra dos traballos artesáns realizados polos usuarios da asociación Fonte da Virxe. Van alá dúas décadas desta iniciativa, que se despide o martes e quere visibilizar a enfermidade mental

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Unha alma que se cura a si mesma pode curar a outros, é o título da exposición que un ano máis, e xa van máis de 20, organiza a Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos de Enfermos Mentais coa colaboración do Museo Granell (Praza do Toural) para mostrar os traballos realizados polos usuarios no seu centro de rehabilitación (Campo do Forno) e no centro ocupacional (A Barcia).

Inaugurada na tarde do pasado mércores, a exposición permanece aberta cada Nadal durante unha semana, polo que o martes 16 despedirase até o ano que vén. En horario de 16 a 20 horas pode visitarse, neste día de despedida, para adquirir algunha das pezas alí expostas e colaborar co seu prezo, non só a que a asociación poida mercar materiais para futuros talleres, senón tamén para que cada usuario poida recibir «unha gratificación» e un recoñecemento ao seu traballo.

Neste sentido, o equipo de Fonte da Virxe comentaba na xornada inaugural, en conversa con EL CORREO GALLEGO, que «a exposición tamén é un espazo de encontro e visibilidade do traballo dos usuarios e dos problemas da saúde mental, e de celebración do talento, da dedicación e o proceso de rehabilitación e inclusión». Unha forma de celebrar o esforzo e o talento que o público acolleu con entusiasmo dende o primeiro día. «A acollida foi moi boa, á xente estalle gustando, están achegándose e mercando», valoran dende Fonte da Virxe, «todos os anos hai unha boa resposta do público».

O valor terapéutico de crear

Dende os dous centros de traballo e de relación social de Fonte da Virxe, de ocupación –conta na actualidade con 13 usuarios– e de rehabilitación psicosocial –con 58 usuarios– realízanse o obradoiros de cerámica, de coiro, de encadernación, de pintura, de calceta e doutras técnicas de artesanía adaptadas tamén ás posibilidades dos usuarios.

Tamara Fernández acaba de asumir a dirección do centro de rehabilitación de Campo do Forno, pero a súa experiencia permítelle xa contar que «os usuarios acoden a Fonte da Virxe e teñen o centro como referencia. Manteñen unha serie de hábitos e rutinas e acoden aos talleres, como hai moita diversidade, hai talleres máis manipulativos, outros máis de realización cognitiva, que traballan aspectos máis psicolóxicos».

Un labor o dos usuarios que máis alá da aprendizaxe de novas técnicas de artesanía e da satisfacción por crear un cadro, unha escultura ou un obxecto cerámico que alguén adquire no Museo Granell agora, reverte neles «o beneficio de ter rutinas, referencias, e tamén acudir a un sitio, un espazo no que poder estar e compartir, porque a enfermidade mental está moi estigmatizada e é para eles moi difícil coñecer persoas fóra desa contorna. É un lugar seguro».

Deste aspecto, de acabar co estigma e de superar as dificultades de socialización fala tamén Mar Piñeiro, presidenta da Asociación Fonte da Virxe. «Ás veces incluso para relacionarse no ocio, para socializar, acoden ao local do Campo do Forno», un establecemento de relacións persoais que asegura Mar Piñeiro que «en ocasións só con cumprir este obxectivo xa nos damos por satisfeitas, porque queremos que melloren, loxicamente non van curar, pero si mellorar. Ás veces socializar, estar xuntos e compartir xa é un grao moi grande de satisfacción».

Atención de proximidade

«Fonte da Virxe tamén presta atención comunitaria en espazos de convivencia en Santiago e arredores», explica Manuel Gómez, formador no centro ocupacional da Barcia, onde a asociación conta cun total de 16 prazas formativas, aínda que na actualidade están cubertas 13.

Trátase do programa de ‘Acompañamento integral’ e consiste en achegarse periodicamente a estes lugares para intentar sumar as persoas con problemas de saúde mental á vida social cotiá. O eixo do programa é achegar a atención que ofrece Fonte da Virxe «ás persoas con problemas de saúde mental nos lugares nos que viven, acompañalos nos seus propios espazos».

A asociación desenvolve tamén iniciativas coma Respiro Familiar e Escola de Familias e conta cun piso protexido, habitado por mulleres con problemas de saúde mental. A través desta residencia temporal camíñase cara á autonomía e a inserción social.

Tracking Pixel Contents