Supercomputación
Telefónica dotará o Cesga dun novo computador cuántico por 9 millóns
A Xunta vén de adxudicar a adquisición desta infraestrutura, que mellora as prestacións da actual. Localizarase no edificio que está en construción no polígono da Sionlla

Lois Orosa, director do Cesga, xunto co Qmio, o actual computador cuántico do centro / Jesús Prieto

A nova sede do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) segue dando pasos adiante para estar operativa no polígono da Sionlla a mediados do próximo ano. A Xunta de Galicia anunciou onte a adxudicación a Telefónica da adquisición do novo computador cuántico por 9 millóns de euros, un equipamento clave para a actividade do centro. Esta infraestrutura, que mellora as prestacións do actual ordenador cuántico, Qmio, estará instalado e operativo no futuro edificio en 2026, segundo as previsións do Goberno autonómico.
Este equipamento «permitirá impulsar o desenvolvemento do ecosistema de computación cuántica e favorecer o liderado de Galicia, completando a oferta actual do centro», sinala a Xunta, responsable do Cesga xunto co Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Así mesmo, indican que «contribuirá a manter e reforzar a competitividade dos centros de investigación, dos centros tecnolóxicos e das empresas, tanto a nivel autonómico como a nivel nacional, dotándoos dunha infraestrutura científica punteira que permita desenvolver unha investigación efectiva no campo da computación cuántica».
O Executivo galego lembra que as tecnoloxías cuánticas permiten avanzar na resolución de problemas complexos que os computadores tradicionais non son capaces, acelerar o desenvolvemento doutras tecnoloxías, mellorar a competitividade dos distintos sectores e contribuír ao benestar social. Por iso, engaden, «Galicia vén apostando decididamente por este campo nos últimos anos para situarse como un referente nestas tecnoloxías e, así, impulsar a ciencia, atraer talento e xerar novas oportunidades para a industria», no marco do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia.
Proxecto de Telefónica
Telefónica presentou un proxecto que incorpora un computador cuántico do fabricante europeo IQM, modelo Radiance de 54 cúbits, ao que se suma un computador cuántico adicional, modelo Spark, de cinco cúbits. Ademais, a empresa garante acceso remoto a infraestruturas equivalentes para os grupos de investigación ligados ao Cesga a partir do día da sinatura do contrato de adquisición.
Os nove millóns destinados ao computador cuántico enmárcase no investimento de 56 millóns, o maior realizado na historia do Cesga, para construír un novo edificio e mellorar as súas capacidades coa incorporación de novos equipamentos. As actuacións están financiadas con fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do Perte Chip, e con fondos propios da Xunta.
Finisterrae IV
As novas infraestruturas complementaranse cun novo supercomputador, o Finisterrae IV, que proporcionará unha potencia computacional adicional para cubrir as necesidades de intelixencia artificial, entre outras, e un sistema de almacenamento de datos que posibilitará albergar gran cantidade de modo permanente e prestar servizos máis avanzados. Esta licitación, que se publicou simultaneamente á do ordenador cuántico, está pendente de adxudicar.
O Cesga albergará ademais unha fábrica de intelixencia artificial, centrada no ámbito da saúde, que terá aplicacións como a predición de brotes de enfermidades, a medicina personalizada ou o ensaio de fármacos. Custará 82 millóns e enmárcase nunha stratexia europea que inclúe a instalación de 19 factorías por todo o continente.
- III Feria de Antigüedades y coleccionismo, este sábado y domingo en el Outlet Área Central
- El restaurante de Santiago que ha enamorado a un conocido influencer gastronómico: 'Volveré, directo a mis favoritos
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Buscan unos figurantes muy especiales para una «gran producción de época» que pronto se rodará en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro