Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

LIBROS

Manuel Portas, autor de 'Mazarelos': "Santiago é unha cidade onde pesa moito a historia, para ben e para mal"

O docente e exconcelleiro de Santiago, Manuel Portas, estrea a novela ‘Mazarelos’, coedición do Consorcio e Galaxia. A presentación vai facerse este mércores (18 horas), en Mazarelos, como é ben lóxico, na Facultade de Filosofía nun acto aberto

Manuel Portas

Manuel Portas / Cedida

Xabier Sanmartín

Xabier Sanmartín

Santiago

Manuel Portas (Barcelona, 1960), coñecido polo seu traballo como profesor de Lingua e Literatura no Instituto Xelmírez I de Santiago, onde foi director, tamén foi concelleiro nacionalista de Compostela. Benquerido na capital galega, mesmo nas rúas que en boa parte dos eidos docentes e institucionais, xa ten máis de media ducia de novelas publicadas, exemplo de que este picheleiro locuaz gusta de sementar palabras compartidas (aparte de kiwis na súa horta). Estrea Mazarelos, libro editado por Galaxia.

A presentación vai facerse este mércores (18 horas), en Mazarelos, como é ben lóxico, na Facultade de Filosofía.

O pasado do instituto Xelmírez I

Como chega ata a idea de lembrar o pasado do instituto, tempo, por certo, pouco coñecido?

Non foi nun momento de inspiración senón ao longo dun proceso de descuberta de documentos que se conservaban no centro e que afloraron cando nos trasladamos da sede de San Caetano á actual, no Campus Sur. Expedientes de alumnos, listaxes, libros de actas, lembro aquela caótica morea de caixas con papeis, que aos poucos foron collendo orde co traballo de profesores como Xosé Mª Díaz e, máis recentemente, Mª Xesús Mascareñas. Dese tesouro foi nacendo a idea: por que non lle dar protagonismo á educación desas figuras que axiña marcarían a historia de Galiza?

Eu non son historiador. Eu aliméntome da historia para crear historias.

Manuel Portas

— Escritor, docente e exedil de Santiago

Por que novela e non peza histórica documental, pesou máis a voz narradora ou... ?

Eu non son historiador. Eu aliméntome da historia para crear historias. Creo que é o mellor xeito de divulgar algo, recreando vidas, personaxes, espazos, ambientes. Cando foi do 150 aniversario do centro e cando celebramos o 175 houbo dúas exposicións magníficas que serviron para, agora si, de maneira rigorosa, explicarnos a historia da educación secundaria en Santiago. Murguía ou Eduardo Pondal, como máis tarde Castelao ou Manuel Antonio, resultaban figuras moi atractivas como personaxes e a etapa histórica, mediado o século XIX, co Banquete de Conxo no horizonte, tamén.

Intelectualidade galega do XIX

A proposta de Helena como persoa de ficción que fala coa intelectualidade galega da época, ten algo de desexo do autor de ter feito algo similar?

Helena é unha necesidade para estabelecer o punto de vista do acontecido nese 1856 en que maioritariamente se sitúa a historia, un prisma persoal, coa súa propia biografía, co seu carácter difícil, que fala cos personaxes que existiron ou que inventei. Se eu gostaría de poder falar con personaxes históricas? Claro que gostaría! Quen non? Non me chegaría a vida para tanto preguntar. Imaxinas poder falar hoxe con Castelao? O máis parecido a ese diálogo é a lectura da súa obra.

Alguén favorita o favorito?

É difícil escoller. Da etapa en que se sitúa cronoloxicamente a novela, non dubidaría en facelo con Rosalía, con Murguía, con Pondal, con Vicetto, con Faraldo,... Cada un deles por unha faceta diferente: literatura, investigación histórica, política, activismo...

Certamente, a experiencia persoal está detrás do que un escribe, incluídos os bloqueos mentais, como o que padece Helena, a autora implícita da novela

Manuel Portas

— Escritor, docente e exedil de Santiago

Nos brincos temporais da novela, hai latexo autobiográfico desa protagonista que toma café, ele o xornal para abrir o día?

Xogo con dous momentos: co 1856, nos días previos ao Banquete de Conxo, e cun presente indefinido que ben podería ser hoxe. Esa distancia temporal permíteme reforzar as diferenzas entre aquela Compostela e a actual, con clases sociais ben afastadas entre si, unha nobreza e unha igrexa nostálxicas do Antigo Rexime, unha burguesía emprendedora e un pobo que padece fames e outras penurias. Certamente, a experiencia persoal está detrás do que un escribe, incluídos os bloqueos mentais, como o que padece Helena, a autora implícita da novela.

Santiago, pros e contras

Rematemos a conversa con tres cousiñas breves. Que pensa da Compostela de hoxe?

Como todas as cidades, Santiago é unha sociedade con personalidade propia, na que pesa máis que noutros casos a súa historia, para ben e para mal. Para mal, pola xentrificación que padece co turismo en moitas épocas do ano. Para ben, porque esta cidade é única, pola mestura da frescura que aporta a mocidade universitaria e o pouso que achega a vida cotiá da outra Compostela, a de toda a vida.

Que novela súa previa vai ben da man desta nova chamaza 'Mazarelos'?

Quizá Lourenzo, xograr (Galaxia, Premio García Barros 2015) polo seu carácter histórico. Ou Amor en alpargatas, (Xerais, 2015), pola reflexión sobre o galeguismo. Ou Por puntos (G., Premio Blanco Amor 2018) ou Faneca Brava (X., 2013; G., 2024) polo xogo do punto de vista.

Referentes na literatura

Algúns libros doutras persoas importantes na súa biblioteca emocional?

Posmo ben difícil... Cito autores que xa non están entre nós. Ocórreseme Rayuela, de Julio Cortázar; A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor; Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro; Os Maias, de Eça de Queirós e, como non, Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. E faltaríame todo o realismo e tamén moita novelística actual, comezando por autoras e autores de noso... Fique daquela para outro momento.

Tracking Pixel Contents