Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Raxoi tumba os recursos dos donos de edificios en ruínas que sacou a subasta

O Concello rexeita os escritos contra a denegación de licenza para os proxectos de rehabilitación dos inmobles. Continúa o pulso xudicial tras paralizarse a venda forzosa

Un dos inmobles afectados, ubicado en San Roque

Un dos inmobles afectados, ubicado en San Roque / Jesús Prieto

Manu López

Manu López

Santiago

A xunta de goberno do Concello de Santiago rexeitou onte os recursos formulados pola propiedade de tres inmobles en ruínas situados na cidade histórica que saíron a subasta tras ser incluídos no rexistro de soares. En concreto, a resolución implica que Raxoi se reafirma na denegación de licenza para os proxectos de rehabilitación destes edificios, situados na praciña das Penas, 5, San Roque, 23, e nos Loureiros, 14, todos eles pertencentes á mesma comunidade de herdeiros.

Os donos solicitaron ditas licenzas entre xaneiro e febreiro deste ano, cando os inmobles levaban 14 anos declarados en ruína e xa pasaran 22 anos desde as primeiras advertencias de que se estaba a incumprir o deber de conservación. A voceira do goberno local, Míriam Louzao, explicou que o rexeitamento dos recursos chega tendo en conta todos os antecedentes, así como os informes desfavorables emitidos.

Estes edificios saíron a poxa pública en marzoxunto a outro da rúa do Espírito Santo que xa foi vendido–, en cumprimento do que determina a Lei do Solo de Galicia para estes casos. A propiedade acudiu ao contencioso-administrativo e en maio o xulgado suspendeu de maneira cautelar o procedemento de venda forzosa á espera de adoptar unha resolución sobre o fondo do asunto.

Revisión de prezos

A xunta de goberno tamén autorizou a revisión de prezos solicitada polas empresas adxudicatarias do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, tal como prevén os documentos contractuais. A revisión do lote I, adxudicado a Urbaser, prodúcese con efectos do 11 de xuño de 2024 e significa un incremento de 432.212,93 euros sobre a cantidade xa facturada durante 2024 e de 777.983,28 euros de aumento para cada un dos seguintes anos de vixencia do contrato. Deste xeito, o importe anual con IVE deste lote do contrato sitúase en 9.909.242,76 €. Os incrementos mensuais correspondentes a cada un dos servizos suman 64.831,94 euros.

A revisión de prezos do lote II, adxudicado a Cogami, que ten por obxecto a recollida do papel e o cartón, ten efectos do 2 de xuño de 2024 e significa un incremento de 3.236,11 euros mensuais. De acordo con isto, a cantidade que corresponde satisfacer ao Concello cada mes pasa de 37.982,39 a 41.218,50 euros e sitúa o importe anual do contrato en 494.622 €.

Louzao matizou que «estes importes non teñen en conta os descontos que se practican por incumprimento dos criterios de calidade establecidos nos pregos que, entre xaneiro e setembro deste ano, sumaron 128.636,69 euros».

Outros acordos

O executivo municipal tamén deu luz verde a subvencións a 32 entidades deportivas por un importe global de 200.500 euros e acordou a contratación dun servizo de mantemento de software da administración electrónica por case medio millón, entre outros acordos.

Tracking Pixel Contents