Catrocentas familias celebran os 25 anos de Dano Cerebral Santiago
Lembran o camiño percorrido desde o 19 de decembro de 2000 e analizan os retos futuros, coa convicción de que unha vida salvada merece ser vivida con dignidade

Catrocentas familias celebran os 25 anos de Dano Cerebral Santiago / Antonio Hernández
K.M.
Un cuarto de século despois de que o 19 de decembro de 2000 un grupo de familias e profesionais fundaran en Compostela a antiga Sarela coa convicción de que unha vida salvada merece ser vivida con dignidade, a hoxe asociación Dano Cerebral Santiago conmemorou este mércores na Cidade da Cultura o seu 25 aniversario.
Nun acto que contou con catrocentas persoas entre familias socias, profesionais, persoas voluntarias e colaboradores, os participantes puideron achegarse aos inicios da entidade, aos retos superados ao longo de todos estes anos e aos que quedan por alcanzar a través de tres vídeos nos que queda constancia de todo este percorrido.
José Balboa, recoñecido como presidente de honra
Conducido pola xornalista Ainhoa Apestegui e coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño; a conselleira de Política Social, Fabiola García; e o conselleiro de Cultura, José López Campos; así como representantes dos grupos parlamentarios galegos e do Concello de Santiago, un dos momentos mais emotivos tivo lugar cando o presidente de Dano Cerebral Santiago, Luciano Fernández, e a súa xunta directiva, recoñeceron o labor do fundador e ata hai uns meses á fronte da asociación José Balboa, nomeándoo presidente de honra.
Posteriormente tivo lugar unha mesa redonda na que participaron a edil de Dereitos e Servizos Sociais compostelá, María Rozas, e a directora xeral de Persoas con discapacidade da Xunta, Begoña García Abeijón. Conducida pola secretaria da entidade, Noelia López, analizouse o traballo durante estes 25 anos e como cambiou o coñecemento e a valoración social do dano cerebral. Tras ela, a titular de Política Social destacou a estreita colaboración entre a asociación santiaguesa e a Xunta na atención ao dano cerebral e á dependencia.
Nenos con dano cerebral
O capítulo de retos futuros foi simbolizado por nenos e nenas con dano cerebral aos que vai dirixido o conto Come a lavadora dunha vez!, no que se narra a relación que a nena protagonista, Noelia, ten coa súa nai que ten dano cerebral tras sufrir un ictus. Na presentación da obra participaron a escritora Rosa Aneiros, o ilustrador Hadrián Jamardo e a deseñadora Uqui Permui, xunto coa terapeuta ocupacional da asociación Majo Hermida.
A alcaldesa compostelá foi a encargada de pechar un acto que na parte musical contou coa colaboración de Son das flores, un proxecto musical, social e pedagóxico nacido no CEIP Vicente Risco de Vigo que demostra como a música pode ser unha verdadeira ferramenta de cambio e crecemento persoal.
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- Seis nuevas jornadas de huelga de autobuses en Santiago: consulta los días y los servicios mínimos
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla