Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crujeiras presenta o programa da súa candidatura ao Reitorado: «Aposto por unha USC que coide das persoas e do propio»

A súa candidatura xira arredor de catro piares: innovar, avanzar, contar e coidar

A candidata a reitora da USC, Rosa Crujeiras, no centro, xunto ás persoas que integran o seu equipo de goberno.

A candidata a reitora da USC, Rosa Crujeiras, no centro, xunto ás persoas que integran o seu equipo de goberno. / Martin Rei Leis

Lorena Rey

Lorena Rey

Santiago

«Son filla do ensino público e estou en débeda coa Universidade. Conto cunha destacada traxectoria pero, tamén ao mesmo tempo quédame moita perspectiva por diante». Son palabras da candidata a reitora da USC, Rosa Crujeiras que este mércores deu a coñecer as liñas xerais do programa da súa candidatura, cunha proposta que aposta por «coidar das persoas e do propio».

Nun café cos medios no Airas Nunes, en Santiago, despois do celebrado no Campus de Lugo, fixo unha diagnose dunha serie de retos «moi claros». En primeiro lugar comezou citando o relevo xeracional, sobre o cal asegurou que «ve como unha oportunidade. Tamén fixo referencia á necesidade de «acompañar a todos os que traballan na institución», así como a «escoitar» as demandas dos estudantes.

Crujeiras defendeu unha universidade feminista, inclusiva e diversa na que reine o compromiso de «crear comunidade». Así, nese aspecto citou os catro principios sobre os que se estructura o seu proxecto que son innovar, avanzar, contar e coidar.

A intelixencia artificial, que «obriga a repensar e simplificar procesos», a internacionalización, a aposta pola innovación e a transferencia de coñecemento e crear un plan de financiamento «adecuado», son otros dos retos sobre os que debatiu onte Crujeiras.

A maiores, tal e como recolle nun comunicado, no eido do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), a candidatura de Rosa Crujeiras propón un Plan estratéxico de recursos humanos 2026–2032 que «permita adecuar os perfís profesionais ás necesidades reais da universidade e avanzar cara a modelos de selección baseados na valoración de competencias».

Crujeiras tamén busca mellorar os servizos de atención ao estudantado, con especial atención á saúde psicolóxica, ao acompañamento psicopedagóxico e á inclusión e participación social.

No ámbito das infraestruturas, Crujeiras defende un plan específico que garanta a recuperación e mantemento das residencias universitarias, «evitando a perda de prazas nun contexto de grave escaseza de vivenda».

A candidatura aposta por unha política decidida de lingua, cultura e patrimonio, «entendendo a cultura como un dereito e unha ferramenta de transformación social e consolidando o galego como lingua de uso habitual na USC».

Estas son as persoas que integrarán o seu equipo de goberno

Crujeiras presentou ao equipo de goberno que a acompañará se consegue ocupar o Pazo de San Xerome, sede do Reitorado da USC, como «plural e comprometido coa proposta». O equipo vicerreitoral estaría integrado por Lorena Añón (Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar), Roberto Bande (Coordinación do Campus de Lugo), Ana Cabana (Cultura, Lingua e Patrimonio), Pablo Durán (Economía, Infraestruturas e Sostibilidade), Almudena Hospido (Investigación e Ciencia Aberta), Reyes Laguna (Ordenación Académica e Oferta Formativa), Marcelino Maneiro (Innovación e Transferencia do Coñecemento) e Pablo Taboada (Profesorado e Innovación Docente). Ocuparía a secretaría xeral Luis Míguez Macho.

Pablo Durán, Lorena Añón, Rosa Crujeiras e Reyes Laguna no café cos medios celebrado este mércores no Airas Nunes, en Santiago.

Pablo Durán, Lorena Añón, Rosa Crujeiras e Reyes Laguna no café cos medios celebrado este mércores no Airas Nunes, en Santiago. / Antonio Hernández

No café cos medios en Santiago estivo acompañada por Pablo Durán, Lorena Añón e Reyes Laguna. Durán, licenciado en ADE e Economía, asegurou que precisou de tempo para aceptar a proposta. «Pedinlle que o equipo estivera formado por persoas plurais», dixo. Destacou que na USC«hai moitas cousas por mellorar e unha boa parte non precisa de cartos».

No caso de Añón, doutora en Ciencias Sociais, mencionou como prioridade «humanizar a Universidade e que sexa feminista», ademais de «ser unha canle de comunicación accesible».

Por último, Reyes Laguna, actual decana de Farmacia, puxo en valor que a USC«ten moito talento», se ben «os tempos demandan outras propostas». A maiores, aposta por «ter unha forte vinculación coa institución».

Tracking Pixel Contents