Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Bipartito compostelán queda só: o pleno rexeita o pago de facturas e a ordenanza do lixo

O executivo de Sanmartín non consegue apoios para sacar adiante obrigas lexislativas e administrativas

O PP pide que se certifique a legalidade do expediente de Viaqua

A sesión plenaria volveuse desenvolver na biblioteca do Consello da Cultura Galega

A sesión plenaria volveuse desenvolver na biblioteca do Consello da Cultura Galega / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O último pleno ordinario do ano deixa en evidencia a soidade do goberno local en minoría e a coalición de BNG e Compostela Aberta non logra os apoios necesarios para sacar adiante o pagamento de facturas a provedores, entre as que está o case millón de euros que se lle debe a Viaqua, nin a ordenanza fiscal do lixo, afectada polo canon de Sogama. Ambas cuestións, ademais, xa foron rexeitadas polo pleno noutras ocasións: a ordenanza do lixo en setembro e o pagamento das facturas en dúas sesións plenarias, o terceiro rexeitamento este xoves.

A lea plenaria protagonizárona unha vez máis as facturas pendentes, nomeadamente as de Viaqua –bloqueadas dende 2019–. O Partido Popular afeoulle aos anteriores gobernos o tempo que lles levou desbloquear a situación fronte ás «tres semanas» que tivo o grupo maioritario da oposición –PP– para estudar un expediente sobre o que cuestiona a súa «legalidade». Por esta razón, o PP de Santiago remitiu ao secretario municipal a solicitude dun informe que verifique a legalidade do expediente.

Mentres o líder do PP, Borja Verea, insistía en que o anterior goberno, o do socialista Sánchez Bugallo, non dera desbloqueado a situación porque «non se atreveu», tanto o edil de Facenda, Manuel César, coma a concelleira socialista Marta Abal insitían en matizar que se trata de pagar un servizo prestado, «é unha obriga» que ademais trata de «evitar un enriquecemento ilícito do Concello», ao deixar de pagar ese servizo prestado.

Ao non facilitar este pagamento «non perden os provedores, perdemos toda a veciñanza», dicía a edil Marta Abal, en referencia ao requerimento xudicial do que poden botar man os provedores para saldar esta débeda con eles, o que vai supoñer pagar tamén xuros e dilacións dende as arcas municipais. Unhas arcas ás que tamén di defender o PP:«Pídesenos que permitamos un uso indebido de fondos públicos», dixo Verea no debate plenario.

Para evitar ese uso indebido de fondos públicos é para o que o PP pide o informe preceptivo do secretario municipal. Non sen antes advertir á alcaldesa Goretti Sanmartín de que a formación popular «somos imprescindibles e non queremos selo. Traballe para conseguir os votos que necesita». Con todo, até un próximo pleno extraordinario ou o ordinario de xaneiro as facturas permanecerán impagadas, non só as de Viaqua, senón tamén as dos demais provedores externos que, un por un, recitou o edil de Facenda na súa presentación do recoñecemento extraxudicial de crédito que o pleno volveu rexeitar.

O «taxazo» de Sogama

Outra das iniciativas que non saiu adiante no pleno ordinario de decembro foi a ordenanza fiscal reguladora, entre outras cousas, do canon do lixo. O edil Manuel César defendeu unha vez máis que este goberno local non subiu impostos pese a que «o taxazo» de Sogama implica que si se incremente este imposto e por decisión do executivo de Sanmartín se faga en función do catastro. Cuestión que aproveitou o edil do PP Adrián Villa para indicar que o goberno nacionalista grava sobre as propiedades e non sobre os residuos que xera cada núcleo familiar.

O contrato actual do lixo foi o protagonista do pleno, da man en primeiro lugar da concelleira non adscrita Mila Castro, que lle lembrou ao titular de Facenda que «parece que non preocupa a xestión do servizo» ao levaren a pleno por separado a xestión e a ordenanza, unha en setembro e outra agora, e ambas rexeitadas pola oposición.

Para a concelleira, esta cuestión demostra «a incapacidade do goberno para controlar as concesionarias». Dato no que coincidiu o PSOE, que neste caso tamén votou en contra, ao contrario do que fixo en canto ás facturas pendentes. «Que se cumpra a totalidade do contrato», reivindicou a concelleira Marta Abal. E dende a bancada popular a incapacidade tornou en «goberno de inútiles» nas palabras do edil Villa que defendeu que o «taxazo de Sogama» non é responsabilidade da Xunta senón do apoio do BNG ao goberno de Pedro Sánchez, pois é o estado quen sacou adiante a lei que «obriga» a aprobar esta ordenanza. En resposta a esta cuestión a alcaldesa Sanmartín interveu para poñer sobre a mesa que «o modelo de Sogama está penalizado pola Unión Europea» ao non cumprir os criterios ecolóxicos e de sostibilidade que require Europa na loita contra o cambio climático.

Tracking Pixel Contents