Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Recoñecemento a 25 anos de traxectoria empresarial en Santiago

A Asociación Área Empresarial do Tambre rendeu homenaxe a catro compañías situadas no polígono industrial que cumpriron en 2025 un cuarto de século como asociadas | O presidente da entidade incidiu na necesidade da ampliación do solo industrial: «O problema é serio»

José Ramón González Couselo, de Gall-Esteril (e.); Covadonga Toca, Manuel García Pombo, de Grupo Teleco; Antonio López, José Luis Paderne, de AD Grupo Regueira; Goretti Sanmartín, José Fernández Alborés, Manuel Bolaño, de AD Grupo Regueira; Pedro Blanco, Rosa Ana García e Ramón Figueroa, de TVH Parts, durante o acto.

José Ramón González Couselo, de Gall-Esteril (e.); Covadonga Toca, Manuel García Pombo, de Grupo Teleco; Antonio López, José Luis Paderne, de AD Grupo Regueira; Goretti Sanmartín, José Fernández Alborés, Manuel Bolaño, de AD Grupo Regueira; Pedro Blanco, Rosa Ana García e Ramón Figueroa, de TVH Parts, durante o acto. / Antonio Hernández

Jacobo Táboas

Jacobo Táboas

Santiago

AD Grupo Regueira, Gall-Esteril, Grupo Teleco e TVH Parts. A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) rendeu este xoves homenaxe a estas catro empresas situadas no polígono industrial que cumpriron 25 anos como asociadas en 2025. O evento, que se celebrou no salón de actos do Centro Empresarial do Tambre, co acompañamento musical dun grupo de gaiteiros, foi presentado pola vicepresidenta da xunta directiva da Asociación, Flor Mariño.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta, Covadonga Toca; a deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García; o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés, entregaron aos homenaxeados un diploma acreditativo e un pequeno agasallo.

Na súa intervención, Fernández Alborés incidiu na necesidade da ampliación do solo industrial na área empresarial, sinalando que actualmente «o problema é serio», con chamadas semanais de empresas «interesadas en solo e naves que non hai», engadiu. «O problema grave xa non é que non haxa solo no momento actual; ao ritmo que imos non teremos solo a catro anos vista. Penso nos 400.000 metros cadrados que están esperando na Sionlla», sinalou o presidente da AAET.

Fernández Alborés: «O reto para 2026 é chegar aos 10.000 postos de traballo»

Ademais, no seu afán de actualizar e mellorar continuamente as infraestruturas e loxística da área empresarial, destacou as melloras en vixilancia e seguridade no polígono, coa implementación dun moderno sistema que inclúe o uso de drons e a instalación de 28 cámaras de videovixilancia e dúas térmicas. «Temos 600 empresas e 9.000 empregos. E o reto para 2026 é chegar aos 10.000 postos de traballo», afirmou durante o acto Fernández Alborés.

Outro dos piares da Asociación, apuntou, é o fomento da inserción laboral a través do Programa Integrado de Emprego de Galicia, financiado pola Consellería de Emprego e o Servizo Público de Emprego Estatal, «co que se conseguíu nesta última edición un 80% de contratos laborais, cun 60 por cento dos participantes traballando actualmente».

García Pombo: «Este recoñecemento é, en definitiva para a xente do traballo»

O director do Grupo Teleco, Manuel García Pombo, agradeceu, en nome de todas as firmas homenaxeadas, o recoñecemento da Asociación Área Empresarial do Tambre. «Este é un recoñocemento que nos fai pensar no rápido que pasa o tempo». Con este pensamento, García Pombo fixo unha mención especial aos compañeiros e compañeiras de camiño, «as que comezaron a viaxe e aínda seguen, as que se apearon nalgún momento e tamén ás que se incorporaron e seguen axudando, xa que sen elas a empresa non tería durado tanto tempo». Asegurou, ademais, que «este recoñecemento é, en definitiva para a xente do traballo, coa que, en moitas ocasións, case se comparte máis tempo que coa propia familia».

Tracking Pixel Contents