Brinde pola «vocación» de servizo público: Raxoi homenaxea os seus funcionarios
Compostela homenaxeou este venres o persoal funcionario do Pazo de Raxoi que se xubila neste 2025. Nun acto xa tradicional, multitudinario e de moita alegría, os membros da Corporación local agasallaron as persoas que agora se retiran entregándolles a Estrela de Compostela.

Brinde pola «vocación» de servizo público / Concello

O interese colectivo, o da veciñanza, o ben común máis alá do interese persoal e lonxe da «corrupción» administrativa é o que define a vocación de servizo público. Unha inclinación profesional que se celebrou este venres no Pazo de Raxoi, na celebración de Nadal dos seus funcionarios e na especial despedida daqueles que, parafraseando o anterior secretario municipal, José Ramón Alonso: «Pasan a mellor vida», que non é outra que a desexada xubilación.
O Salón Noble encheuse de xente para celebrar o retiro e, sobre todo, homenaxear os anos de servizo prestados por Manuel Baños, Jesús Barreiro, Jesús Miguel Blanco, José Luis Bello, José Antonio Berdullas, Blanca Bueno, José Camino, Jesús Capeáns, Víctor Carballido, Carmen Conde, Carmela Domínguez, María Teresa Espinosa, Raúl Fidalgo, Lourdes Grobas, Elisabeth Lado, Juan Carlos López, Manuela Mariño, Luis Mariño, José Méndez, Manuel Míguez, José Carlos Miramontes, Juan Ángel Noya, Manuela Pardal, Ángeles Pellit, José Antonio Pena, Pilar Sabio, Paulino Sánchez, Santiago Tojo, Juan Carlos Tomé, Concepción Vales e Antonio Vez.
«Hai poucos traballos nos que poidamos ver que temos repercusión directa na cidade».
E para este recoñemento, no que se lles entregou unha Estrela de Compostela, o mestre de cerimonias foi un dos seus colegas, o actual secretario municipal, José Manuel González, que definiu o recoñecemento como «necesario» porque «ser empregado público dun concello, non é doado. Sufrimos presións, é un traballo en ocasións ingrato, porque hai sempre momentos malos». Mais tamén reivindicou que «somos conscientes do que facemos, traballar co que é público, de todos, cos veciños», e defendeu que «hai poucos traballos nos que poidamos ver que temos repercusión directa na cidade».
Máis alá das cores políticas
Carmela Domínguez, Jesús Capeáns e Pilar Sabio roubaron uns minutos da súa celebración para conversar con EL CORREO GALLEGO sobre os últimos anos de traballo no Pazo de Raxoi, os cambios que se produciron no seu oficio dende os inicios da súa carreira profesional e, especialmente, sobre a importancia da vocación de servizo público.
Unha inclinación que Carmela Domínguez definiu como necesaria, pois doutra maneira «é difícil manterte nunha posición coherente, honesta, independente do partido que goberne. Ser coherente cun mesmo, coa normativa, co que pretendes facer, co beneficio de todos». Domínguez non deixou de expresar que «os últimos anos foron cada vez máis complicados, porque o traballo foi incrementándose e os efectivos eran cada vez menos, porque a redución do personal nas administracións públicas tocou de cheo aquí tamén».
"É difícil manterte nunha posición coherente, honesta, independente do partido que goberne".
Dos cambios producidos durante máis de 38 anos de servizo falou Jesús Capeáns, oficial da Policía Local, que lembraba que «cando entrei tiñamos catro coches patrulla e un todo terreo, agora temos máis de 20 coches patrulla». Sen esquecer o paso das máquinas de escribir aos ordenadores, a evolución técnica e informática nos semáforos ou as pantallas de control do tráfico.
A partir de agora, Raxoi é pasado e o futuro está cheo de plans, que son «moitos, non sei se se darán cumprido todos, pero hainos». Uns plans que tamén ten Pilar Sabio, técnica da Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) para quen a celebración «é a culminación de moitos anos, de moito traballo feito co maior cariño, un traballo que me apaixonaba». Sabio recoñécese «afortunada de poder facer toda a miña profesión no que me gustaba e ademais no meu concello, un concello que ten moitos recursos para o traballo social».
«É a culminación de moitos anos, de moito traballo feito co maior cariño, un traballo que me apaixonaba»
Loor do «deber ético»
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, pechou o acto lembrando fitos «para a historia» acontecidos este 2025, como foi a «recuperación das estatuas do Mestre Mateo», en posesión da familia Franco e que agora retornan á veciñanza de Compostela, que as pode visitar na ala sur do Museo do Pobo Galego.
Mais Sanmartín tamén louvou que as persoas que agora despide Raxoi «decidíchedes ter unha profesión que ten unha característica singular: ser servizo público, e neste servizo hai un deber ético». Sen deixar pasar que no quefacer diario municipal «hai persoas que nunca vos esquecerán».
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos