Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Raxoi desbloquea o contrato dos buses de Compostela: redeseño de liñas e unha nova app

O concello subvencionará en máis dun 50% para minimizar o risco da adxudicataria sen encarecer as tarifas

Buses urbanos en Santiago

Buses urbanos en Santiago / Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Logo de dous anos e medio de lexislatura, un cambio no sentido do contrato (de concesión a de servizos) e de múltiples incidencias cunha frota de autobuses obsoleta, o executivo local anunciaba este luns a aprobación, por parte da xunta de goberno, da licitación do contrato de transporte urbano da capital galega.

"Teríanos gustado que chegase antes", recoñecía a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, ao tempo que destacaba a importancia desta licitación "para o Concello de Santiago e a súa veciñanza" e poñía en valor "o labor dos técnicos municipais". "Un traballo transversal" que implicou a Tussa, mobilidade, contratación, intervención e asesoría xurídica para poder levar a plataforma de contratación unha licitación "coas máximas garantías", asegurou.

Xunto a Sanmartín compareceu en rolda de prensa o edil de Mobilidade, Xan Duro, que reivindicou o logro de "desbloquear unha situación que levaba demasiados anos enquistada". Unha contratación complexa que implica unha contía total do contrato de máis de 250 millóns de euros, se ben o que agora se licita ten un orzamento base de algo máis de 128 millóns e unha duración de 13 anos.

Nova aplicación e procurar o menor incremento de prezos

A alcaldesa Goretti Sanmartín e o edil de Mobilidade Xan Duro redundaron en que o plan do goberno local é que este contrato sexa o primeiro paso para mudar o modelo de mobilidade de Santiago. Nesta liña a tarifa ordinaria só se incrementará en 3 céntimos (pasando a 0,63 euros), mantendo as bonificacións e na procura de que cada vez máis veciñanza elixa o transporte colectivo para os seus desprazamentos.

Tamén nesta dirección «a subvención municipal do servizo supera o 50%, co que se minimiza o risco operacional da empresa», dixo a rexedora, e garántense así unhas tarifas asumibles para a veciñanza. Desta maneira, o prezo estimado do billete ordinario será de 1,40 euros e o do billete escolar queda en 0,56. Co bono ordinario, a modalidade máis utilizada, o prezo da viaxe será de 0,63 euros e o bono mensual, que dá dereito a viaxes ilimitadas durante 30 días, queda en 35 euros. En canto ao bono pensionista, mantense a previsión da licitación aprobada no pasado mandato, conservando as 100 viaxes gratuítas ao ano, e a partir de aí o prezo do billete será de 0,50 euros. A tarifa específica para a liña do aeroporto, non bonificada, será de 6 euros para o billete de ida e de 10 para o de ida e volta.

Duro anunciou tamén que a adxudicataria deberá renovar a aplicación de seguemento dos buses para as persoas usuarias. A nova app tera que conter a xeolocalización do vehículo, a estimación horaria de chegada á parada e as posibles incidencias no bus ou de fluidez do tráfico ademais de «actualizarse cada cinco segundos».

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa

O concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, en rolda de prensa / CONCELLO

Renovación da frota

O concelleiro Xan Duro explicou as condicións de base do contrato que sacan a licitación en canto á renovación da frota de buses urbanos (acorde ás necesidades dunha mobilidade sostible e accesible), e que implica tamén un prazo de 12 meses para entregar os buses definitivos, que cumpran estritamente as condicións do prego. Nese primeiro ano inicial, a empresa disporá buses provisionais retirando os actuais e na oferta que presenten deberán xa indicar as características destes autobuses de transición.

de 12 meses para a subministración de vehículos novos, aínda que sexan de carácter provisional. Ademais inclúese servizo de obras, neste caso a empresa adxudicataria deberá encargarse da dotación de infraestrutura para a localización de puntos de recarga eléctrica, por exemplo.

A frota incrementarase dos 43 buses actuais a uns 67, sete dos cales serán de reserva para cubrir posibles incidencias ou servizos extraordinarios. Dese 67 total 18 serán eléctricos "e os demais de gas natural comprimido", consonte á normativa da Unión Europea.

Entre os condicionantes do contrato que sae a licitación apúntase que haberá vehículos máis pequenos (de entre 8 e 10 metros) para dar servizo nas rúas de San Pedro, Concheiros, Galeras, Quiroga Palacios e Almáciga. A menor dimensión dos buses busca favorecer o seu tránsito por estas rúas máis estreitas, e con maiores limitacións para a circulación.

Entre 10 e 12 metros deberán ter os vehículos de transporte colectivo das liñas do rural e mais a que dá servizo a Sar-Aríns. Ademais, o edil Xan Duro matizou que todos os autobuses terán "piso baixo, por cuestións de accesibilidade e dúas rampas", unha delas manual, e terán guías para persoas con dificultades visuais e auditivas.

Redeseño de liñas

A rexedora compostelá centrou a súa intervención en lembrar as mudas fundamentais que quere facer o Concello de Santiago en canto a liñas, buses e frecuencias dos mesmos, e que poden ser melloradas nas propostas que as empresas acheguen ao concurso.

"O novo deseño de liñas simplica o mapa e amplía a cobertura territorial", explicou Sanmartín. Así, a alcaldesa lembrou a liña que o goberno local deu en chamar "TranSantiago" e que vai unir, con frecuencias de 30 minutos, os límites da cidade co Milladoiro (Ames) e Sigüeiro (Oroso). "Unha liña que reducirá a carga de tráfico de entrada a Compostela".

Sanmartín destacou tamén as tres liñas alimentadoras do rural, o mantemento da lanzadeira ao aeroporto e o reforzo das liñas que van aos polígonos. Outra das liñas estrela do proxecto de transporte municipal é o Bus Nocturno, que circulará até as cinco da madrugada, de mércores a sábado, "nas principais liñas circulares" da cidade.

Tracking Pixel Contents