Marcelino Agís: «Un itinerario de interese cultural ten que estar vivo na memoria»
A Xunta vén de crear unha nova figura para recoñecer os itinerarios de interese autonómico, unha medida que está incluída na Lei de acompañamento dos orzamentos e que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026 | O presidente da Academia Xacobea considera que é unha iniciativa «moi oportuna e dá resposta á demanda formulada por concellos, mancomunidades ou asociacións»

Marcelino Agís Villaverde é catedrático de Filosofía e presidente da Academia Xacobea. / Antonio Hernández
J. T.
Que opinión lle merece a creación desta nova figura de itinerarios de interese cultural autonómico?
Coido que é moi oportuna e dá resposta á demanda formulada por concellos, mancomunidades ou asociacións que teñen desenvolvido un amplo traballo de documentación para dar a coñecer e poñer en valor rutas singulares que, sen cumprir os criterios dos camiños de peregrinación oficiais, foron percorridas por moitas persoas para camiñar a Compostela.
Considera que era necesaria?
É un recoñecemento moi necesario por tratarse de itinerarios tradicionais que axudan a vertebrar o territorio, conectando espazos emblemáticos, bens patrimoniais e manifestacións culturais (materiais e inmateriais) que teñen o seu alicerce nunha tradición, historia ou función social que preserva os sinais de identidade na nosa terra como camiño que comunica persoas e culturas.
Que diferenzas atopa entre estes itinerarios e os considerados como Camiño de Santiago?
Aínda que non lle corresponde a Academia Xacobea establecer os criterios que diferencian os itinerarios culturais dos Camiños de peregrinación oficiais, salientaría, entre outros, os seis seguintes aspectos. En primeiro lugar, a presenza do itinerario na cartografía histórica. En segundo lugar, a existencia de topónimo e odónimos xacobeos. En terceiro lugar, a existencia de documentos históricos (libros parroquiais, arquivos, etc.) que dean testemuño do paso continuado ao longo dos séculos de peregrinos. En cuarto lugar, a existencia de hospitais e casas de acollida que teñan dado acubillo aos peregrinos ao longo da historia. En quinto lugar, a existencia de patrimonio histórico-artístico de natureza xacobea, como igrexas, capelas, hospitais, cruceiros, etc.; onde se aprecie a presenza dos motivos tipicamente xacobeos. E, en sexto lugar, o patrimonio inmaterial de carácter etnográfico como lendas, mitos ou tradicións relacionados coa peregrinación xacobea.
Que características interpreta que debera ter unha vía para ser recoñecida como itinerario de interese cultural?
Pois, en primeiro lugar, que estea viva na memoria e na conciencia das xentes dos distintos territorios polos que discorre o itinerario. Que sexa recoñecida como parte da identidade cultural colectiva e contribúa a vertebrar o territorio arredor dunha vía ou ruta complementaria aos camiños oficiais de peregrinación. E, por que non, que teña dinamizado o traballo de varios municipios, mancomunidades ou asociacións para que siga manténdose viva na conciencia cultural do pobo.
Considera que carrexará beneficios para o territorio e veciñanza por onde discorre ?
É ben coñecido que os Camiños de peregrinación a Santiago teñen sido historicamente e tamén no presente un elemento dinamizador desde o punto de vista económico, demográfico, cultural e social dos distintos territorios por onde discorren os distintos camiños. Tamén con esta iniciativa pioneira que a Xunta de Galicia pon en marcha por primeira vez en Europa para recoñecer os itinerarios culturais vinculados coa práctica do camiño como elemento espiritual e cultural, vanse desenvolver amplas franxas do noso territorio, tanto do interior como das zonas costeiras, que aspiraban a ofrecer roteiros a milleiros de camiñantes que buscan na alma da paisaxe galega a maxia dunha cultura milenaria que tivo ao Apóstolo Santiago como referencia espiritual e cultural.
Existía por parte da Academia Xacobea a demanda deste recoñecemento ou distinción específica para este tipo de itinerarios?
A Academia Xacobea era moi sensible á necesidade de dar apoio institucional a unha manchea de itinerarios culturais en Galicia que, sen ser camiños oficiais de peregrinación, compartían moitos elementos comúns e contribuían a construír un patrimonio común arredor do feito xacobeo. De feito, moitos académicos colaboraron en proxectos para documentar de xeito rigoroso os itinerarios culturais e sei, de certo, que estarán satisfeitos de que a Xunta de Galicia lles dea apoio institucional.
Como considera que lle vai afectar aos Camiños de Santiago a aparición desta nova figura?
Estou seguro de que, neste caso, todos sairán gañando, refírome aos Camiños oficiais e aos itinerarios culturais, ao engadir unha oferta cultural e de lecer que completa as rutas oficiais de peregrinación. Por outra banda, nun tempo no que a masificación en determinados momentos do ano dos camiños oficiais pode xerar problemas loxísticos, esta oferta complementaria pode contribuír a que non se perda o sentimento de comuñón coa paisaxe e a cultura daqueles itinerarios que teñen algo auténtico que ofrecer aos camiñantes, dando acceso aos servizos e produtos culturais dun modo máis amplo e diverso.
- III Feria de Antigüedades y coleccionismo, este sábado y domingo en el Outlet Área Central
- El restaurante de Santiago que ha enamorado a un conocido influencer gastronómico: 'Volveré, directo a mis favoritos
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Buscan unos figurantes muy especiales para una «gran producción de época» que pronto se rodará en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- Santiago abre las rebajas sin grandes colas y con tiendas cerradas por la huelga: «Ya no son lo que eran»