Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

O Ensanche, o Nadal e o primeiro bico

Alameda de Santiago

Alameda de Santiago

Borja Verea

Santiago

Pídeme EL CORREO GALLEGO unha postal que mesture o Nadal, un recordo e a miña cidade. Vivín toda a infancia entre a Praza Roxa, a Alameda e a rúa Fernando III o Santo, no Ensanche. Os que nacimos no Ensanche temos máis sinxelo encontrarlle beleza porque cada rúa, tenda, cafetería, esquina, columpio, está cheo de recordos. E os recordos sempre melloran a realidade. Pero hai que escolller un.

É coñecida a frase de Rilke que di que «a verdadeira patria é a infancia», e esa infancia, ou patria, comeza a quedar atrás despois do primeiro bico. O meu primeiro bico foi no Nadal... e no Ensanche. Rematadas as clases, o paseo nervoso, as mans temblorosas e o banco do parque. E é unha lembranza perfecta porque facía frío e non chovía, e antes tiñamos en Santiago unha iluminación cálida, amarela e amable. E ademais estaba namorado como só se pode estar namorado con doce ou trece anos.

Para min o Nadal ten sempre esa sensación de venres, un venres que non remata e que ademais non ten moitas ganas de rematar, e na casa as ausencias son máis amables porque hai moitos recordos que xa dixemos que melloran a realidade. Gústame moito pasear polo Ensanche, paseo moito e a verdade é que nunca me sinto só, e moito menos no Nadal. É unha sensación estraña, non diría que é unha sensación de barrio, nin de veciñanza, nin ningunha desas palabras de moda, é simplemente que estou na casa.

Tracking Pixel Contents