Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

Tim Burton, Santiago, o Nadal e elas

Parque de Nadal da Praza do Obradoiro

Parque de Nadal da Praza do Obradoiro

María Rozas

Santiago

«Se el non estivera alí arriba, non nevaría». Así remata Eduardo Manostijeras, unha película que é obrigado ver cada Nadal, e tal vez unha das que máis me representa nestas datas.

Porque sei ben que hai moitos «Eduardos» que viven en castelos escuros mentres, a poucos metros, hai un mundo de cores e felicidade. Que de repente, sen seren conscientes, atópanse nunha cidade chea de luces de Nadal, de agasallos, de posts de instagram nos que familias enteiras locen os mesmos pixamas mentres adornan as súas árbores. E eses «Eduardos», coma a que eu tamén fun, só poden pensar nas ausencias. Quizais naquela persoa que nos tiña que acabar de colocar as mans e marchou sen rematar o seu traballo.

Desde ese lugar, que é o de tantas, non é fácil esburacar nos recordos. E menos nestas datas nas que todas acabamos activando o «modo Nadal», queréndoo ou non.

Por iso, a estas alturas de decembro, non penso en Santiago como un lugar, senón como unha emoción. E a postal de hoxe é ben distinta á que foi. Ainda sae aquel castelo gótico, mais sabendo que desde alí tamén se pode crear beleza.

Miro hoxe Santiago, o lugar físico e o lugar emocional, a través dos ollos das miñas fillas. É aí onde todas as que un día fomos «Eduardo» nos acabamos reconciliando coas festas, coas luces, coa cidade, e con nós. E síntome orgullosa dunha Compostela que cada vez máis, e sobre todo no Nadal, se fai á medida dos nenos e nenas. Se pensa para elas. Porque, «se elas non estiveran alí arriba, non nevaría».

Tracking Pixel Contents