Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Atención ás persoas sen fogar, en xuño abrirá as súas portas Cipis de Belvís

O goberno local presenta un plan con seis liñas estratéxicas e 30 medidas para reducir o número de ‘sen teito’ da capital galega

A traballadora social Bea Sixto, a concelleira María Rozas e a xefa de sección de Servizos sociais, Eva González

A traballadora social Bea Sixto, a concelleira María Rozas e a xefa de sección de Servizos sociais, Eva González / CONCELLO

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

«O senfogarismo é a máxima expresión da exclusión social», falaba así a concelleira de Servizos sociais, María Rozas, nunha rolda de prensa na que presentou o Plan de Abordaxe do Senfogarismo e o regulamento do Centro Integral para a Inclusión Social (Cipis) de Belvís. Sobre este último anunciou tamén que a súa apertura está prevista para o 1 de xuño de 2026.

O Plan de Abordaxe do Senfogarismo estenderase de 2026 a 2030 e vai contar con «seis liñas de acción estratéxicas e un total de 30 medidas concretas para diminuir o número de persoas en situación de senfogarismo, mellorar a súa calidade de vida e favorecer a súa inclusión social». Dentro deste plan vai ter tamén un papel relevante o Cipis, onde as persoas usuarias –seleccionadas e avaliadas polos Servizos sociais municipais– poderán permanecer até un máximo de dous anos, «que se poderán prorrogar un tempo ante situacións excepcionais».

Este novo plan agrupa 30 medidas guiadas por seis liñas de acción: «coordinación e traballo en rede, prevención do senfogarismo, concreción de dereitos e da protección social e atención integral, establecemento de proxectos vitais e promoción da autonomía», explicou Rozas, e unha sexta liña vencellada coa «transparencia, sensibilización e loita contra a discriminación e os delitos de odio».

A concelleira abundou durante a rolda de prensa en explicar parte destas accións concretas, tanto da prevención –detectando situacións de vulnerabilidade–, como de inclusión social con axuda para a consecución de documentación ou atención sanitaria, porque o Plan de Abordaxe do Senfogarismo «vai máis alá de cubrir as necesidades básicas». María Rozas reivindicou o traballo interinstitucional e a colaboración de administracións e entidades sociais para evitar a exclusión social e puxo en valor o traballo do persoal de Servizos sociais na elaboración do plan e do regulamento do Cipis, así coma o da ex concelleira Concha Fernández, responsable da área que agora lidera Rozas no goberno de Compostela Aberta (2015-2019) e impulsora da creación do centro para persoas sen fogar de Belvís.

A prensa, apoio sensibilizador

Na rolda de prensa, a concelleira María Rozas estivo acompañada pola xefa de sección de Servizos sociais, Eva González, e pola traballadora social Bea Sixto, que traballa especificamente na rúa e nas noites coas persoas sen fogar.

Ambas quixeron chamar a atención sobre o traballo que «xa se está a realizar» e a prol da sensibilización e da loita contra o estigma social que supón vivir na rúa e reclamaron a intervención dos medios, facéndoos partícipes do «tempo que pode levar chegar a gañar a confianza dunha persoa sen fogar, até conseguir que acepte o acompañamento». As técnicas lembraron unha vez os dereitos que asisten aos ‘sen teito’, os mesmos que ás demais persoas, e a súa imposibilidade de dar resposta pública ante situacións que poden supoñer conflito ou seren produto de polémica mediática, política ou mesmo veciñal, pois deben aterse á protección de datos.

Tracking Pixel Contents