Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

As Hortas: lugar de paso e de permanencia

As Hortas: lugar de  paso e de permanencia

As Hortas: lugar de paso e de permanencia / CEDIDA

Gonzalo Muíños

A luz morna dos farois dunha rúa enxebre. Bastante discreta e silenciosa. A lúa, de fondo, contempla as Hortas como o que é: un camiño de moitos dos que alcanzan ao Obradoiro, unha ruta diaria para os que aí vivimos na que, de cando en vez, o son das pisadas e as conversas entre veciños, é interrompido polo traqueteo dun coche que circula sobre o empedrado. Aquí nace o camiño de Fisterra, o que non promete chegar senón aprender a partir.

Durante séculos foi horta e extramuros. Fronteira viva entre a cidade que rezaba e a que cultivaba, entre a pedra sagrada e a terra traballada. Hoxe apenas queda daquela división social e material, máis que os selos na simboloxía das casas: conchas que indican que certa vivenda pertencía ao Cabildo, cálices que sinalan unha antiga propiedade do Concello; ou a placa que lembra que esta mesma rúa, onde residentes e peregrinos coincidimos no pisar acelerado nun camiño que unhas veces comeza e outras acaba, tamén foi fogar do Díaz Pardo. Unha rúa, polo tanto, na que tamén comezou a historia de quen fixo de Galicia unha forma de pensar, de crear e de estar no mundo.

En Santiago, unha cidade que se fai andando, entre luces cálidas, espazos compartidos e memoria en cada pedra que fala, a rúa das Hortas continúa a ser lugar de paso e de permanencia. De inicio e de regreso. O que, afortunadamente, fago eu cada día.

Tracking Pixel Contents