Cabalgata de Reis
Os Reis Magos preparan a viaxe a Compostela: chegan na mañá do día 5 ao aeroporto Rosalía de Castro
1.500 quilos de caramelos e moita danza na cabalgata da Boa Estrela de 2026 que partirá da Praza da Mercé de Conxo

Cabalgata de Reis do ano pasado en Compostela / Antonio Hernández
Melchor, Gaspar e Baltasar xa preparan a súa viaxe anual a Compostela, logo de varias semana en contacto co Concello. O anuncio da súa chegada deuno a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, para "toda a rapazada de Compostela e arredores" e comunicou tamén que se están a realizar melloras nas carrozas, a petición dos Magos de Oriente.
"O primero que preguntaron é se se segue mantendo a estrela de oito puntas na imaxe do Nadal, xa sabedes que tolean polas estrelas", pero segundo explicou a edil os Reis tamén preguntaron se non lles ían poñer cubertas ás carrozas, "porque o ano pasado molláronse bastante, nesta bendita cidade, que ten os soportais, pero as súas carrozas non collen por eles". Por iso están agora no taller, para que desta volta a chuvia non afecte ás súas maxestades.
Outra das novidades da cabalgata do 5 de xaneiro vai ser a danza, que xa aparece no lema do evento: 'A danza da boa estrela', porque os bailes de Reis tamén terán protagonismo, por seren "un elemento moi característico da nosa cultura".
Os Reis chegan en avión
As súas maxestades decidiron este ano chegar a Compostela en avión, polo que o primeiro encontro con eles para pequenos e maiores será na media mañá do día 5 no aeroporto Rosalía de Castro. Alí recollerán ás 12 horas as últimas cartas, as dos picheleiros máis demorados ou dos máis indecisos, que ate o último minuto non teñen claro o seu pedido.
Coma cada ano, antes de achegárense ao punto de partida do desfile, na Praza da Mercé de Conxo, os Magos de Oriente descansarán "nun lugar segredo", logo da súa longa viaxe. Dende as 17.15 estarán en Conxo, de onde parte a cabalgata ás 17.30 horas cara á Praza de Vigo, pasando pola Avenida de Ferrol e Romero Donallo, para continuar por Frei Rosendo Salvado ata a Praza Roxa.
O desfile segue por República do Salvador e a Rúa do Hórreo, e rodea a Praza de Galicia ata chegar á zona vella pola Porta da Faxeira. Despois a comitiva vai percorrer a Rúa do Vilar para entrar no Obradoiro, "onde está previsto que sexan recibidos pola alcaldesa e por membros da Corporación a iso das 19 horas.
Logo diso Melchor, Gaspar e Baltasar pasarán ao Salón Vermello do Pazo de Raxoi para a tradicional recepción. "Para facer máis levadeira á espera, dende que accedan ao Salón Vermello", explicou a concelleira, "haberá no Obradoiro un concerto da Gramola Gominola e tamén a tradicional chocolatada".
Caramelos brandos sen glute
O prazo de inscrición para participar na cabalgata compostelá está pechado, e segundo a información da edil de Festas, a comitiva vana integrar arredor de 300 persoas. O desfile estará composto por cinco carrozas. "A primeira será a da Boa estrela, que vai abrindo a cabalgata, seguida da Carteira Real e despois as tres carrozas dos Reis".
Acompañando as carrozas haberá música e acrobacias e «por suposto danza». Un desfile no que partiparán 16 artistas profesionais, 36 heraldos, 12 paxes e integrantes de colectivos da cidade. A edil indicou que «por motivos de seguridade só se repartirán caramelos dende as carrozas». Uns caramelos que suman 1.500 quilos e que «como anos anteriores son sen glute e como novidade van ser brandos».
A concelleira indicou que "por motivos de seguridade só se repartirán caramelos dende as carrozas". Uns caramelos que suman 1.500 quilos e que "como anos anteriores son sen glute e este ano como novidade van ser caramelos brandos".
Accesibilidade e integración
Ao igual que en anos anteriores, a concelleira Lueiro anunciou en rolda de prensa que o traxecto do desfile de Reis vai contar cun tramo "sen son, que será a Avenida de Ferrol, entre os cruces de José Ángel Valente e Doutor Maceira".
E tamén se vai establecer un tramo adaptado para cadeiras de rodas, "no aparcamento de motos que hai no inicio da Avenida de Ferrol, á altura do número 3, preto do cruce con Romero Donallo".
Conta atrás ara enviar as cartas
A concelleira Pilar Lueiro lembroulle á veciñanza máis cativa que xa están instaladas caixas de correo para enviarlles aos Magos de Oriente as súas cartas, unha delas no propio Pazo de Raxoi, pero tamén na ludoteca María Miramontes e nos CEIP Monte dos Postes e Quiroga Palacios.
Outro dos lugares habituais para entregar a carta aos Reis Magos son os centros socioculturais, este ano nos de Fontiñas, Conxo, Castiñeiriño, Ensanche, Vite, Romaño, Santa Marta, A Gracia e Mallou.
"Non hai excusa para non deixar a carta aos Reis Magos", sinalou a concelleira Pilar Lueiro", no remate da rolda de prensa.
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos
