Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Santiago

Santiago homenaxea a García Lorca e Ánxel Casal no 90 aniversario de ‘Seis poemas galegos’

O Concello e Alvarellos conmemoran o sábado a publicación na histórica sede da Editorial Nós

Alvarellos e Sanmartín, nunha homenaxe a Lorca en outubro na Alameda de Santiago

Alvarellos e Sanmartín, nunha homenaxe a Lorca en outubro na Alameda de Santiago / Jesús Prieto

Santiago

O Concello de Santiago e Alvarellos Editora conmemoran este sábado 27 a publicación, hai xusto noventa anos, do libro Seis poemas galegos de Federico García Lorca, editados en Santiago de Compostela por Ánxel Casal en decembro de 1935. O acto estará presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, contará coa actuación musical de Uxía e a intervención do editor e escritor Henrique Alvarellos.

Sede histórica da Editorial Nós

O lugar escollido para a homenaxe será a histórica sede da editorial Nós: o baixo do número 15 da rúa do Vilar, onde Casal mantivo aberta a súa empresa dende o verán de 1933 ata agosto de 1936. Un local que, de maneira excepcional, abre este sábado as súas portas para render tributo ao único libro que o gran poeta andaluz escribiu nunha lingua distinta ao seu castelán natal, e á heroica editorial que o fixo posible. Debido á reducida capacidade do espazo, só se poderá asistir con convite.

A data elixida é tamén especialmente significativa, pois no colofón da edición orixinal, podemos ler: «Este volume rematouse de imprentar en Santiago o 27 de Nadal do 1935». Será xa que logo exactamente 90 anos despois, e no mesmo espazo onde foron impresos e editados estes poemas inmortais.

Tracking Pixel Contents