Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

Habitar a cidade, habitar a infancia

Panorámica do campus sur dende o despacho do voceiro do grupo municipal socialista, Sindo Guinarte

Panorámica do campus sur dende o despacho do voceiro do grupo municipal socialista, Sindo Guinarte

Sindo Guinarte

Santiago

Para quen, coma min, non naceu en Compostela, senón nunha pequena aldea do interior da Terra de Montes, e viviu os primeiros anos da súa infancia nunha casa rodeada de carballos e castiñeiros, ter, xa por moitos anos, unha fiestra aberta a unha arborada praza do campus sur é como non deixar nunca de habitar esa patria de cada un que é a súa infancia.

Santiago é unha cidade que, por fortuna, foi sendo colonizada polas árbores, ata ter máis ca persoas. Non sempre foi así. Cando de neno vivía en Belvís, as rúas e prazas polas que andaba co meu irmán ata chegar ás Casas Reais, para ir os domingos á misa de Santa María do Camiño ou á Senra para botar unha partida ao pimpón no salón de xogos, estaban orfas de árbores. Nin o parque de Belvís nin o de San Domingos de Bonaval eran tales. Había árbores, si, cando cruzabamos a avenida de Lugo para ir ver xogar o Obradoiro no vello pavillón. Pero iso non era Santiago… era Sar.

Pola contra, a Residencia sempre foi Santiago. É un exemplo como poucos en Europa de continuidade urbana e física entre cidade e universidade, de simbiose case perfecta, só empañada polo exceso de vehículos. É o espazo de traballo para quen temos o privilexio de ser universitarios en Compostela, e é tamén o parque onde Andreia e Roque aprenderon a andar en bici ou en patíns, e deron as primeiras patadas ao balón, onde estaba a súa gardería…

O anaco da Residencia que vexo desde a miña fiestra é universidade e é cidade, porque unha non se entende sen a outra.

Tracking Pixel Contents