Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha exposición para descobrer os aspectos máis descoñecidos de Alfredo Brañas

Unha mostra na USC conmemora os 125 anos do pasamento do intelectual rexionalista do rexurdimento falecido en Compostela en 1900

Exposición sobre Alfredo Brañas, organizada pola USC en Santiago

Exposición sobre Alfredo Brañas, organizada pola USC en Santiago / Cedida

Santiago

Nado en Carballo en 1859 e falecido en Compostela no 1900, Alfredo Brañas Menéndez foi unha figura clave para a Universidade de Santiago de Compostela. Cando se cumpren 125 anos do seu pasamento, a USC quere render homenaxe a este intelectural rexionalista que da nome a unha das rúas máis céntricas do Ensanche da cidade.

A mostra ‘Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento’ poderá visitarse no Claustro Alto do Colexio de Fonseca ata o 15 de xaneiro. En palabras da comisaria e profesora da USC, Belén Trigo, a exposición pretende «buscar e descubrir os aspectos menos tratados» da figura deste intelectual rexionalista e «establecer un diálogo entre dúas épocas», o século XIX e as primeiras décadas do século XXI.

Escolma bibliográfica

A mostra lanza unha ollada á figura e obra de Alfredo Brañas desde o século XXI, detense nos seus principais fitos biográficos, aborda a decadencia das estruturas do antigo réxime, a revolución xurídica e o cambio económico e demográfico, o papel do intelectual no Rexurdimento, o seu rol no seo da USC, a proposta rexionalista de Brañas, e profunda en como o autor concibe o futuro de Galicia, alén de abordar temáticas como o feminismo, a familia, a industrialización, ou a cuestión da terra dende distintas perspectivas. Está composta por unha escolma bibliográfica con obras do autor e sobre o autor, documentos que obran no poder da USC, e 16 paneis que profundan en diversos aspectos da súa figura.

Alfredo Brañas Menéndez foi un xurista, escritor e ideólogo do Rexionalismo galego. Entre as súas obras, destaca a publicación, en 1889, de El Regionalismo. Estudio sociológico, histórico y literario. En 1890 participa na creación da Asociación Regionalista Gallega e en 1892 redacta Las Bases generales del Regionalismo y su aplicación a Galicia. Os seus intereses abranguían o pensamento político e xurídico, a economía, a literatura, a historia e a cultura popular, tal e como reflicte a súa obra. Ademais da súa actividade profesional e académica, colaborou con diversos xornais da época, alén de formar parte do Rexurdimento, movemento rexionalista, cultural e literario, que aspiraba á recuperación da lingua galega.

Figura relevante da Universidade de Santiago de Compostela, pronunciou o discurso de apertura do curso 1892-93 titulado ‘La Crisis económica en la época presente y la descentralización regional’. Participou ademais dun momento de transformación da Universidade que afectou a súa administración e a docencia universitaria.

A mostra enmárcase no Outono Cultural da Universidade de Santiago e conta co apoio da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a Fundación Alfredo Brañas, a Fundación Castelao, e está dotada con fondos da Biblioteca Universitaria e o Arquivo Histórico Universitario da USC.

Tracking Pixel Contents