Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

‘Danza’ de Lorca en Santiago

A editora Alvarellos presentou este sábado a edición facsimilar dos ‘Seis poemas galegos’ de Federico García Lorca, de cuxa primeira saída do prelo se cumpren 90 anos. E a festa tivo lugar alí onde primeiro foi impreso, no número 15 da Rúa do Vilar, sede da editora Nós do ex alcalde Ánxel Casal.

Acto de conmemoración dos 90 anos da publicación dos “Seis poemas galegos" de Federico García Lorca

Jesús Prieto

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

O genius loci do número 15 da Rúa do Vilar abandonou este sábado a mitoloxía para facerse realidade evocada. Na que foi a Editorial Nós de Ánxel Casal e María Miramontes presentou a editora Alvarellos a edición facsimilar de Seis poemas galegos de Federico García Lorca, no 90 aniversario de que alí mesmo saíse do prelo a prezada contribución do poeta á cultura galega.

Nun evento ao que Uxía Senlle e Pablo Novoa lle puxeron a música ás tres creacións de Lorca máis vencelladas con Compostela –entre elas Danza da lúa en Santiago–, falouse non só del e do ex alcalde de Santiago (Casal) e da súa compañeira (Miramontes). Alí acudiron as lembranzas de Eduardo Blanco Amor, Francisco Fernández del Riego, Rosalía de Castro e das Irmandandes da Fala, recordo este último dun tempo de reivindicación da lingua e da cultura propias que truncou a sublevación franquista de 1936 e a represión da ditadura que seguiu ao golpe militar.

A edición do 90 aniversario incorpora o prólogo orixinal do autor de A Esmorga, Blanco Amor, que dende Huerta de San Vicente (hoxe Casa-Museo de Lorca) trouxo os seus seis poemas até Compostela, até a Rúa do Vilar. «Debes ser tú quien los ordene y los prologue. Y ya está. Y ya se acabó. Y no me hables más de esto hasta que no me traigas el libro», sentenzou o autor de Romancero gitano diante do escritor ourensán. E en novembro de 1935, dende Vigo, Blanco Amor enviou a Lorca unha postal anunciando a súa partida cara ás Américas e mais a próxima publicación de Seis poemas galegos.

A coidada edición deste facsímile acompáñase tamén dunha edición gráfica prologada por Henrique Alvarellos, na que se conteñen imaxes das catro viaxes que realizou Federico García Lorca a Galicia. A primeira delas a Santiago, á estación de Cornes en 1916. O seu vínculo coa capital de Galicia vai moito máis alá dos seis poemas, e mesmo de «quedar fulminado por Santiago» como recordaba Alvarellos que apuntara nos anos 50 Eduardo Blanco Amor sobre a experiencia do granadino en Compostela. Foi na súa primeira viaxe a Galicia, a Santiago, en 1916 cando o mozo Federico, de viaxe de estudos, «decidiu nada menos que ser escritor».

Na presentación do  facsímile de ‘Seis poemas  galegos’, Uxía Senlle e Pablo  Novoa musicaron tres  das poesías

Na presentación do facsímile de ‘Seis poemas galegos’, Uxía Senlle e Pablo Novoa musicaron tres das poesías / Jesús Prieto

«Os versos galegos do século XX máis editados»

No seu discurso de presentación, o editor Henrique Alvarellos fixo mención á súa viaxe, en 2016, a Bos Aires (Arxentina) e á Editorial Losada, que en 1938 publicou as Obras completas de Lorca, entre as que se encontran os Seis poemas galegos que saíron do prelo da Editorial Nós en 1935.

Alvarellos visitou e editora e preguntou cantos exemplares se terían vendido neses 78 anos: «É difícil sabelo, logo de tanto tempo, pero máis de 200.000», respondéronlle ao día seguinte. «Eses 200.000 volumes que só a Editorial Losada leva editados, cos poemas galegos dentro, sumados as incontables edicións de incontables selos editoriais de todo o mundo do galego, do español, do hispano e das múltiples traducións converten esta obra, sen dúbida, nos versos galegos máis editados e difundidos do século XX», concluíu Alvarellos no seu discurso.

Uns versos galegos de Lorca produto, en palabras de alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, da «auténtica inmersión cultural» que viviu o autor en Galicia e nomeadamente en Compostela. Admirando a Curros e a Rosalía –de quen se cantou tamén na presentación a Canción de cuna que Lorca lle dedicou– o granadino foi e volveu este sábado ser símbolo desa «Península Ibérica e dese Estado español», apuntou a rexedora, que impulsou as diferentes culturas dende a «aceptación da diversidade», que o levantamento contra a República silenciou.

O ano da memoria

A memoria histórica non podía quedar fóra da presentación, sendo como foron Federico García Lorca e o seu editor, Ánxel Casal, fusilados o 19 de agosto de 1936, «con poucas horas de diferenza». Os fascistas tomaron a eles, entre outros moitos, como inimigos polo seu posicionamento político e pola súa convicción de que a «cultura tiña que ser accesible a todos», tamén ás clases populares: Casal coa edición da obra en galego dos principais autores da súa época, Lorca fundando a compañía de teatro La Barraca, en cuxa representación compostelá dos Entremeses de Cervantes «contan as crónicas do momento que reuniu máis de 6.000 persoas».

A relación de Lorca con Compostela celébrase de hai tempo, no anterior mandato –o de Sánchez Bugallo– foi cando na alameda se situou a escultura do poeta, co mono azul de La Barraca, fronte á súa admirada Rosalía, como lembrou a rexedora– e «este facsímile dos Seis poemas galegos non é un punto final», dixo Sanmartín, continuará no ano da memoria, sen esquecer tampouco «a compoñente LGTB» e a defensa deses dereitos, que tamén encarnou Federico García Lorca.

Tracking Pixel Contents