Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

A garza do Sarela, as pausas e o progreso

Unha garza sobre a auga do Sarela en Santiago.

Unha garza sobre a auga do Sarela en Santiago.

Mercedes Rosón

Santiago

No solsticio de inverno, cando a luz é escasa, a garza real detense no Sarela coma un pensamento en equilibrio. Cruzo con ela cando o sol aínda non se ergueu por completo, nun deses paseos nos que custa quecer pero nos que o corpo agradece a lentitude. A garza é beleza sen estridencias, viaxeira incansable que sempre regresa, símbolo dun tempo distinto ao da présa. Unha cazadora paciente, solitaria e serena, que me ensina que a cidade precisa tamén de pausas.

O Sarela atravesa Galeras do mesmo xeito que a memoria atravesa a cidade. Este barrio, historicamente reivindicativo, transformouse co paso dos anos sen perder a súa identidade. Onde houbo hospitais e casas de comidas, xurdiu outra vida: servizos públicos, vivenda e tranquilidade.

Un barrio de contrastes entre o verde que precede o fluír da auga, o ruído dos vehículos que circulan polo nexo troncal e a pedra histórica da ponte do Carme de Abaixo.

Eu vivo aquí e síntome parte deste fluír. Cruzo a cidade andando, atraveso a finca Simeón cara ao Auditorio de Galicia, chego ao Campus Sur cruzando os rueiros de Poza de Bar, entro no Ensanche en poucos minutos percorrendo a Alameda. E nese percorrido cotián, a garza segue aí, a cinco minutos da Compostela histórica, a cinco minutos do Obradoiro e do final do Camiño. Quietude e movemento, natureza e cidade, pasado e presente convivindo nun mesmo lugar.

A garza do Sarela recórdanos que o verdadeiro progreso é saber permanecer.

Tracking Pixel Contents