Premio de ensaio Camiño de Santiago para Enrique García Jiménez
O xurado da Academia Xacobea recoñeceu o traballo realizado polo profesor e escritor a partir da súa vivencia persoal como peregrino

Enrique García Jiménez. / Cedida
ECG
O profesor e escritor Enrique García Jiménez gaña o III Premio de ensaio “Camiño de Santiago”, convocado pola Academia Xacobea, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, e co patrocinio de Aluminios Cortizo.
O xurado, reunido este luns na sede da Academia na Cidade da Cultura, destacou no ensaio a súa "orixinal" ollada sobre o Camiño de Santiago, "percibido como un vieiro que transforma a quen o percorre, convertendo a experiencia da peregrinaxe nun momento cumio da biografía de cada camiñante".
A partir da súa vivencia persoal como peregrino, e dende unha técnica discursiva que ancora no epistolar, o autor combina rigor histórico, reflexión espiritual e análise crítica da sociedade contemporánea arredor da ruta xacobea, sendo quen de achegarnos esta "intensa experiencia catalizada nunha voz próxima que atrapa dende as primeiras páxinas e crea un círculo de complicidades que convida a ler".
Escrito cunha prosa "coidada, emotiva e chea de suxestivas imaxes", o xurado salientou a capacidade do autor para transmitir tanto o "cansazo extremo das xornadas do Camiño" como a "incomparable emoción que encerra a chegada ao Obradoiro", convertendo estas páxinas nun convite para todas aquelas persoas que aínda non experimentaron a viaxe maior que leva a Compostela en peregrinación, un roteiro que abre o corazón e descobre os máis ocultos sendeiros interiores.
O xurado estivo integrado por Marcelino Agís, (presidente da Academia); Alba Gil (Ed.Galaxia), como secretaria e Milagros Otero (secretaria Academia), Mª Josefa Sanz (Vicepta. 2ª Academia) e Armando Requeixo (Centro Ramón Piñeiro), como vogais.
Traxectoria de Enrique García Jiménez
Enrique García Jiménez é licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidad de Granada (U.G.), onde se doutorou en Socioloxía. Profesor e investigador no Centro de Maxisterio La Inmaculada (U.G.). Imparte Socioloxía da Educación nos graos de Educación Infantil e Educación Primaria, sendo actualmente coordinador do Grao de Educación Infantil. As principais liñas de investigación xiran arredor da exclusión social, principalmente no ámbito penal,os mozos e as metodoloxías activas en Educación.
No plano persoal, realizou o Camiño de Santiago en tres ocasións, considerándose un namorado do mesmo.
O autor posúe varios premios literarios a nivel nacional, ao que incorpora agora este premio de ensaio da Academia Xacobea, cuxa finalidade é promover e divulgar o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo. A obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia.
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- Buscan unos figurantes muy especiales para una «gran producción de época» que pronto se rodará en Santiago
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- Seis nuevas jornadas de huelga de autobuses en Santiago: consulta los días y los servicios mínimos