Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Postais dende Raxoi

E fíxenme compostelán… mesmo sen buscalo

E fíxenme compostelán… mesmo sen buscalo

E fíxenme compostelán… mesmo sen buscalo / Cedida

Xan Duro

Verán do 1982. Coruñés. 16 anos. Entrando en 3º de BUP. Esa era a miña ficha cando vin vivir a Compostela coa miña familia. Digo vivir, porque durmir durmiamos nos Tilos. Prácticamente inauguramos a urbanización, con moito por facer daquela. Non había nin teléfono.

Eses foron os comenzos da miña relación con Santiago. Non nos gustamos de entrada. Eu viña do meu barrio de toda a vida, Catro Camiños. Aló quedaron amigos e amigas, a rede de relacións de barrio, algún tonteo. Aquí non tiña nada. Só a miña nai, meu pai, dous irmáns e unha irmá.

Setembro. Instituto Eduardo Pondal. Santiago e máis eu seguiamos sen gustarnos, pero iamos tecendo rede. Selectividade, universidade… logo a Escola Taller de San Domingos de Bonaval. Xa nos tolerabamos bastante ben. Primeiros traballos, algún tempo de paro, oposicións. Fomos medrando xuntos, Compostela máis eu. E chegamos a querernos.

Santiago ten esa capacidade de medrar dentro dun mesmo, de ir envolvéndote pouco a pouco ata que, dá igual de onde veñas, un día déitaste visitante e ao seguinte érgueste Compostelán. De nacemento tamén os hai, pero de corazón somos moitos.

Extraer unha postal deste camiño non é sinxelo, diría que imposible. Estar ao sol nas escaleiras da Quintana, camiños e sendeiros no rural a golpe de pedal, a noite nova na zona vella, o Parque de Bonaval. Música, moita música, e un tecido asociativo e cultural efervescente.

Pequenos retrincos cos que fun tecendo inconscientemente o meu traxe de compostelanía que xa non quitei máis. Sígolle a engadir pezas cada día.

Tracking Pixel Contents