Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Compostela rexistrou en 2025 menos choiva que nos dous anos anteriores

A cantidade total medida no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC foi de 1.937,1 l/m2, sendo 182 os días nos que houbo precipitacións.

Nenos e adultos con paraugas camiñando pola zona vella de Santiago nun día de choiva no pasado mes de decembro.|  Antonio Hernández

Nenos e adultos con paraugas camiñando pola zona vella de Santiago nun día de choiva no pasado mes de decembro.| Antonio Hernández

L. Rey

Santiago

Santiago rexistrou 1.937,1 litros por metro cadrado de precipitacións en 2025, situándose de novo por enriba da media dos últimos corenta anos, que se sitúa nos 1.812,4.800 l/m2. Sen embargo, choveu menos que nos dous anos precedentes, cando se pasara en ambas as ocasións dos 2.000 litros/m2. Os ano máis chuvioso foi o 2020, con 2.2.471,8 l/m2, e pola contra cando menos choiva se rexistrou foi o 2007 con 1.204,4 l/m2. Así o confirma José Ángel Docobo, coordinador científico do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago, no resumo pluviométrico do 2025. "A normalidade pódese establecer en Compostela entre os 1.600 e 2.000 l/m2", indicou o profesor Docobo.

No 2025, o número de días do ano nos que nalgún momento houbo precipitación en Compostela chegou ao 49,8 %, o que se traduce en 182 días. "Se restamos os días nos que a choiva recollida foi inferior a 0,1 litros/m2, o que adoita denominarse inapreciable, entón a porcentaxe baixa a 44,1 % (161 días)", engadiu.

Destaca a cantidade medida en xaneiro, con 543,2 l/m2, seguida dos 393,4 l/m2 de novembro, este último mes con 25 días pasados por auga. Cómpre tamén mencionar a baixa precipitación meses coma maio (75,3 l/m2), xuño (29,4 l/m2) ou setembro (67 l/m2). Xullo e agosto axustáronse ás estatísticas, sendo os máis secos, con 12,3 l/m2 (en cinco días) e 16,9 l/m2 (en oito días), respectivamente. O 7 de xaneiro resultou ser o día cun maior rexistro, un total de 80,8 l/m2 naquela xornada, seguidos do 26 do mesmo mes (77,3 l/m2) e do 13 de novembro (77,0 l/m2). En todo o ano 2025, contabilizáronse 17 días con máis de 30 l/m2.

Máis de 35 graos en tres días de xuño e agosto

En referencia aos datos das temperaturas, nun total de doce ocasións do mes de agosto a temperatura máxima superou os 30º e, en particular, aqueles días con rexistros preto dos 35º, como foron o día 4 (35º8, máxima do ano), o 10 e o 14 (ambos os días con 34º3), ou o 6 (32º9). "Pero esta vaga de calor, aínda que estivo preto, non superou aquela outra de agosto de 2003", destaca o profesor Docobo. Tampouco se poden esquecer as altas temperaturas que tiveron lugar na segunda quincena de xuño: 35º5, o día 29; 35º3, o día 17; 34º2 o día 30, así como os 34º0 do 28.

En canto ás mínimas Docobo profundiza que "tan só houbo dúas datas con temperatura mínima negativa no Campus Vida da USC, o 15 de xaneiro (-0º3), e o 8 de febreiro, cando se produciu a mínima do ano con -1º5". O 21 de decembro non se chegaron a superar os 8º, en tanto que a noite do 29 de xuño resultou ser a máis quente de 2025, cando a temperatura non baixou dos 19º6. Aínda así, salientan dende o Observatorio da USC, "houbo veráns nos que a mínima superou claramente a vintena". A temperatura media no ano en Santiago foi de 15º5.

285 horas de sol en agosto e só 81 en novembro

Por outra banda, o número de horas de sol anda roza a porcentaxe do 50% sobre as posibles horas de insolación. En 2025, os heliógrafos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller rexistraron 2.145 horas e 45 minutos, o que representa un 48,9%, lixeiramente por baixo dos acadados en anos recentes nos que se chegou ata o 53,6% en 2017, ou mesmo ao 52,7% en 2023.

A isto contribuíu sobre todo a baixa insolación de novembro con só 81 horas e 35 minutos. Pola contra, en agosto medíronse 285 horas, en xullo case 268 horas, e en maio máis de 233. Maio, xullo e setembro foron os meses nos que o sol saíu todos os días. Nun total de 104 xornadas, o sol brillou en Santiago máis de nove horas, e noutras 77 fíxoo entre seis e nove horas.

Tracking Pixel Contents