Postais dende Raxoi
Os patios de Fontiñas e a vida compartida

Os patios de Fontiñas e a vida compartida
MIla Castro
Fontiñas foi a primeira chave dunha casa para unha xeración que aprendeu cedo a combinar traballo, coidados e futuro. Para nós, as dos anos sesenta, significou a posibilidade de formar unha familia sendo mozas. De botar raíces sen deixar de medrar.
Aquí naceron as nosas crianzas, que correron libres polos patios de mazá, entre xardíns, merendas compartidas e xogos que non precisaban máis ca tempo e compañía. Eses patios foron espazos onde aprendemos a convivir, a coidar e a sentirnos comunidade. Onde se construíu o barrio de Fontiñas, creando redes afectivas entre persoas chegadas de moitos sitios.
Nós, coma o barrio, fomos cumprindo anos. E hoxe, co paso do tempo, tocounos asumir outro papel fermoso e profundo: ser coidadoras das netas e netos. Descubrir un amor novo, inmenso, difícil de explicar con palabras. Un amor de tempo regalado, de mans que acompañan sen présa e de patios que volven encherse de risas. Tamén dalgunha carreira espontánea cando o neto, coma o meu, bota a correr coa súa bicicleta verde sen pedais. Volven esas zancadas rápidas que suceden ao susto inicial e preceden a risa cómplice cando o alcanzas para dicir «pilleite!».
Fontiñas é a miña casa, o meu refuxio e o meu abrigo. Agora, nunha nova xeración, segue a ser comunidade que medra, unha vez máis, arredor do amor compartido. Ese que leva a reivindicar o 15707: un código postal como bandeira dun barrio que se construíu no fogar.
Longa vida a Fontiñas!
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos