O Xelmírez II, o único instituto de Santiago cun equipo directivo feminino: «É incrible que sorprenda que as mulleres ocupen postos de liderado»
Dende EL CORREO GALLEGO conversamos coa directora Pilar Tobar e coas que a acompañan no día a día nun centro con case 600 estudantes

Equipo directivo do IESXelmírez II de Santiago, dirixido por María Pilar Tobar, sentada a carón de Rosa Quintela e respaldada por Asunción Álvarez, á esquerda, e María Cernadas. / Jesús Prieto

«Nunha profesión tan feminizada como é a docencia, non deixa de resultar curioso que chame a atención que haxa un equipo de mulleres». Así o considera María Pilar Tobar Quintanar, directora do IESXelmírez II, o único instituto público de Santiago cun equipo directivo integrado só por mulleres. «Non creo nos esteorotipos, somos persoas que sacamos adiante un traballo e é incrible que siga sorprendendo que as mulleres ocupen postos de responsabilidade e liderado», incide Tobar en conversa con EL CORREO GALLEGO, algo co que concordan as súas compañeiras. «O principal é que as catro xuntas traballamos ben», declaran.
Pilar Tobar, directora: «Ata que te fas coa dinámica tes a sensación de ir a rebufo, pero logo a dificultade non é maior»
Pilar Tobar chegou ao instituto no 2016 e no 2018 nomeárona directora por dous anos. No 2020, coa pandemia, a Consellería de Educación, prorrogou ata o 2021 a todos os equipos directivos dos centros educativos, ano no que a volveron a nomear directora. Foi no 2023 cando presentou a candidatura co actual equipo. Será no 2027 cando remate no cargo, se ben pode xubilarse antes. «Teño que meditar se me xubilarei en canto poida», asegura.
Este curso imparte clase de Cultura Financeira en terceiro de ESO, se ben ata o de agora impartiu docencia nos anteriores cursos de primeiro e segundo de Xeografía e Historia, «que é a miña materia», sinala.
Pilar recoñece que non é sinxelo dirixir un centro que ten preto de 600 alumnos e alumnas. «Os primeiros meses ata que te fas coa dinámica tes un pouco a sensación de ir sempre a rebufo, pero logo a dificultade supoño que non é maior que calquera cargo de responsabilidade no que tes que xestionar o humano que sempre é máis complicado que a xestión do material», comenta. Tobar pon a énfase en que asume un cargo «onde hai que dialogar co alumnado, coas familias e co profesorado».
María Cernadas, secretaria: «O traballo de secretaría supón horas extras, especialmente en algún periodo do ano»
María Cernadas leva no instituto dende o 2022, como profesora de francés. Ao ano seguinte Pilar Tobar propúxolle se quería ser a secretaria, un cargo que xa desenvolvera anteriormente nun CPI. «Penseino un pouco, non moito, e aceptei», comenta. Sobre as súas funcións pon o foco en que «é todo o traballo de oficina». Cita como tarefas a realizar o tema da xestión, pagos, solicitudes de material, arranxos no centro.... «É bastante traballo», manifesta. Ademais, ela como docente de francés «non tiña coñecementos de contabilidade», pero co paso do tempo «un acábase adaptando». «É cuestión de intentalo e facelo o mellor posible», reitera. Este ano imparte clase en primeiro, segundo e terceiro de ESO. «Prefiro ter os niveis baixos porque o traballo de secretaría supón horas extras, especialmente en algún periodo do ano», declara.
Igual que a directora ten preto a xubilación. «Se todo vai ben comezareina cando remate este mandato», aclara.
Asunción Álvarez, vicedirectora: «En ocasións pode ser un pouco estresante, pero non agobiante»
Outra das persoas ás que lle toca dar a cara é Asunción Álvarez, vicedirectora do instituto e profesora de galego en terceiro. Leva tres anos no centro e forma parte do equipo directivo dende o 2024. No seu caso ocúpase do tema de transporte, da organización das actividades extraescolares, e «cando non está Pilar teño un traballo un pouco máis duro, pero lévoo bastante ben». Así, Asunción asegura que «en ocasións pode ser un pouco estresante, pero non agobiante». Ao respecto di que o seu traballo tamén implica «adicar horas fóra do teu horario», tendo que interrumpirse nalgunhas ocasións os periodos de vacacións.
A pesar de que cada unha ten o seu cargo asegura que «traballamos en equipo e axudámonos cando é necesario». Define a Pilar Tobar como «a cabeza coa máxima responsabilidade» e recoñece que «non traballaría con calquera equipo», poñendo en valor a experiencia da directora. «Aceptei o cargo por ela», asinte.
Rosa Quintela, xefa de estudos: «Son o nexo entre a dirección, as familias, o profesorado e o alumnado»
Por último, Rosa Quintela imparte xeoloxía en segundo de Bacharelato e bioloxía en primeiro de ESO. Como docente no centro dende 2018, pasou a formar parte do equipo directivo pola xubilación do vicedirector no 2021. Dous anos máis tarde convertiuse na xefa de estudos.
Define o seu cargo como «o nexo» entre a dirección, as familias, o profesorado e o alumnado. Encárgase, máis en concreto, da organización e coordinación académica con «temas de convivencia e disciplina».
Tobar remata a conversa agradecendo a labor das distintas persoas que a acompañaron na dirección. «Para que un equipo funciona ben ten que ser xente competente e teste que sentir cómoda con elas. No meu caso estoulle moi agradecida a todas as persoas que tiven nos equipos», afirma, ao que engade: «María, Asunción e Rosa, que aceptaron presentarse conmigo, son mellores persoas ca min. Así da gusto traballar».
- Fray Tomás, párroco de Conxo: «No quiero acostumbrarme al deterioro del templo»
- El Grupo Pérez Rumbao abre el nuevo concesionario oficial Volkswagen en Santiago
- Lavacolla se libra de momento de almacenar misiles de guerra por el limitado perímetro de seguridad
- Paro total de los buses urbanos en Santiago: la quinta jornada de huelga comienza sin servicios mínimos
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos