Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Chegaron os Reis pese ao frío e á choiva

A cativada picheleira entregouse un ano máis na recepción dos Reis Magos de Oriente. Dende a Praza da Mercé de Conxo a cor, a música e a acrobacia acompañaron até a Praza do Obradoiro ao público e mais ás súas maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar que non lle tiveron medo ao desapacible tempo.

Ana Triñáns

Ana Triñáns

Santiago

Foi ás 12 do mediodía cando Melchor, Gaspar e Baltasar aterraron no aeroporto Rosalía de Castro. Alí recibiron as últimas cartas, as dos máis preguiceiros ou indecisos, que agardaron até o último minuto para plasmar no papel o que máis desexaban para este 2026. Despois, misterio, pois as súas maxestades foron descansar nun lugar descoñecido, como tamén é xa habitual ata que ás 17.15 Melchor, Gaspar e Baltasar fixeron aparición na Praza da Mercé de Conxo para dar inicio ao desfile, á cabalgata, un ano máis.

Zancos, acrobacias, tradición e moito colorido acompañaron o público nun traxecto que atravesou o Ensanche, pasando de Conxo á Praza Roxa até chegar á rúa do Hórreo e rodear a Praza de Galicia para facer entrada na cidade vella compostelá pola Porta Faxeira. Nin a choiva que poucos momentos antes do comezo do desfile empapou Santiago, nin o frío da véspera de Reis amedrentou os Magos de Oriente nin moito menos a cativada de Compostela, que un ano máis encheu as rúas para apañar caramelos e saudar as súas maxestades lembrándolles, probablemente, as súas peticións para este ano.

Como cada ano os máis pequenos entregárono todo no desfile, que contou con máis de 300 persoas voluntarias na comitiva. E tampouco quedaron atrás Melchor, Gaspar e Baltasar que coa mesma ilusión de todos os anos responderon a ansia da cativada que os acompañou durante todo o percorrido até a Praza do Obradoiro e agardou paciente a que asistiran á recepción no Pazo de Raxoi, onde a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e os membros da Corporación local os recibiron e atenderon, mentres o público congregado no Obradoiro gozaba dun chocolate con churros.

Logo do encontro na principal praza da cidade, tocaba despedirse, até o ano que vén, de Melchor, Gaspar e Baltasar. Durmir cedo e agardar polos agasallos que se descobren este martes.

Visita ao CHUS

Como non podía ser doutro xeito, as maxestades de Oriente non deixaron de visitar o Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e os pequenos que nestas datas teñen que estar hospitalizados por diversas doenzas.

Melchor, Gaspar e Baltasar acudiron ao CHUS durante a xornada deste luns para compartir cos cativos, recoller os seus desexos e, sobre todo, facélos partícipes da ilusión que tamén anegaba as rúas de Compostela. Unha visita que é tradición e da que os Magos de Oriente non queren deixar de participar ano tras ano.

Tracking Pixel Contents