Homenaxe á memoria: lembranza de Valle-Inclán e de Isaac Díaz Pardo
Un 5 de xaneiro falecían dous intelectuais galegos, figuras básicas da nosa cultura ás que en Boisaca se rememorou: o creador do ‘esperpento’ e mais o facedor de Sargadelos

Ofrenda floral a Isaac Díaz Pardo e ofrenda en lembranza de Ramón María del Valle-Inclán / Jesús Prieto / Jesús Prieto

Neste acabado de comezar 2026 cúmprense 100 anos da publicación de Tirano Banderas, obra do vilanovés Ramón María del Valle-Inclán. Narrador e dramaturgo creador do ‘esperpento’, recreación da realidade dende a súa óptica máis grotesca, nada exenta de retranca nin da segunda intención e da crítica que conleva. Cúmprense tamén 90 anos do falecemento do autor, un 5 de xaneiro de 1936, poucos meses antes do que probablemente foi até agora o período máis grotesco da historia de España, a sublevación do xeneral Franco contra o goberno da II República e a posterior ditadura militar.
Unha ditadura que acabou coa vida do artista Camilo Díaz Baliño, asasinado polos sublevados en agosto do ano 36 e pai do intelectual, empresario e tamén pintor Isaac Díaz Pardo, que falecía tamén un 5 de xaneiro de hai agora 14 anos. A ambos os dous, Díaz Pardo e Valle-Inclán, e á memoria histórica rendéuselle homenaxe en Boisaca este luns, con ofrenda floral, con música para Isaac de parte de Mero e Leire da Quenlla, con discursos das autoridades e dos amigos nunha lembranza a dous autores que tiveron unha ollada propia sobre a época que lles tocou vivir e que trascenderon coa súa obra.
Valle-Inclán transformou a dramaturxia española, cunhas acotacións que non respectaron ningunha norma e que máis ben sinalaban como se había de montar o espectáculo. Da súa ollada sobre o mundo falou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, lembrando a súa figura na Alameda de Santiago, onte repousa a súa escultura, «observando a xente pasar» para sacar a súa interpretación da actualidade. Unha actualidade que tampouco quixo deixar pasar por alto o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, que fixo mención ao centenario da publicación de Tirano Banderas sen deixar de mencionar a crítica á tiranía que levou a cabo o seu veciño.
Non canta na Cha ninguén
Valle tiña vínculo con Compostela, como testemuña a súa escultura na Alameda, pero máis vínculo tiña aínda Isaac Díaz Pardo, criado na rúa das Hortas. O intelectual galeguista foi facedor de Sargadelos, de Edicións do Castro, do Laboratorio de Formas xunto a Luís Seoane ou do Instituto Galego de Información, en San Marcos, onde recentemente The Rapants gravaron o seu último videoclip.
Este luns rendéuselle homenaxe, 14 anos despois do seu pasamento, reivindicando o seu traballo de mantemento e recuperación da identidade galega e mais da memoria democrática, sendo como foi represaliado e fillo de fusilado. Foi Mero, da Quenlla, Baldomero Iglesias, quen xunto á violonchelista do grupo cantou o que en Boisaca se denominou «a canción do país», O Carro, de Fuxan os Ventos, que Mero integrou nas orixes e do que se declarou «disidente» no cemiterio.
A Díaz Pardo lembrárono con poemas e coa canción chairega: «Non canta na Cha ninguén, por eso o meu carro canta. Canta o seu eixo tan ben que a señardade me espanta», a coro a rexedora compostelá e o concelleiro de Cultura, José López Campos. Ambos coincidiron en resaltar o valor da memoria pola que traballou Díaz Pardo e mais o seu labor por contribuír ao seu país.
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla